A produción industrial cae un 4,5% en Galicia e descende por cuarto mes consecutivo

Na media do que vai de ano, entre xaneiro e setembro, hai un aumento do 1,6%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2023 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

A produción industrial de Galicia descendeu un 4,5% en setembro en comparación co mesmo mes dun ano antes, un retroceso máis acusado que o 4,1% de baixada no país, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este martes. Deste xeito, encandena catro meses consecutivos de retroceso interanual, xa que o último dato positivo produciuse en maio. Na media do que vai de ano, entre xaneiro e setembro, hai un aumento do 1,6% da produción industrial galega.

A produción da industria enerxética foi a que máis baixou no noveno mes do ano, cun descenso interanual do 10,4%, seguida dos bens de consumo duradeiro (-7,5%); os bens de consumo non duradeiro (-6,6%) e os bens intermedios (-1,7%), mentres que a dos bens de equipo aumentou un 1,2%. Por ramas de actividade, as que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron confección de pezas de vestir (-39,4%), a fabricación de bebidas (-19,9%) e a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (-12,9%). Os maiores ascensos, por contra, déronse noutras industrias extractivas (+34,9%).

A PRODUCIÓN INDUSTRIAL AUMENTA UN 1,1% NO MES

En termos mensuais (setembro sobre agosto) e dentro da serie corrixida, a produción industrial aumentou no noveno mes do ano un 1,1%, taxa 1,8 puntos superior á observada en agosto. Por sectores, a produción aumentou en setembro en taxa mensual en bens de equipo (+3,6%), bens de consumo duradeiro (+3,3%) e bens intermedios (+3,1%), mentres que descendeu na enerxía (-2,7%) e os bens de consumo non duradeiro (-0,3%).

Por actividades, os maiores repuntes da produción respecto ao mes anterior protagonizáronos a industria do tabaco (+17%); a fabricación de produtos farmacéuticos (+12,7%), e a metalurgia (+12,4%). En sentido contrario, os descensos máis pronunciados da produción déronse na confección de pezas de vestir (-18,6%), a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (-5,1%) e a fabricación de bebidas (-3,2%).

Unha persoa pasa diante dunha pancarta, colocada polos traballadores no valo da fábrica de Alcoa en San Cibrao.
Unha persoa pasa diante dunha pancarta, colocada polos traballadores no valo da fábrica de Alcoa en San Cibrao. | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta