Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 22/11/2023 | Actualizada ás 14:30
O Galicia confidencial, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), presenta unha serie de reportaxes baixo o título de 'Galicientíficas', mulleres que traballan na investigación dentro do ámbito da USC e que levan a cabo estudos pioneiros. A nosa intención é que vos tamén as coñezades e divulgar a ciencia entre os nosos lectores e lectoras. Dito isto, a primeira 'Galicientífica' é María Tomás, que foi noticia en 2020 por conseguir un fito na modificación celular co seu grupo de investigación do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago, dirixido polo profesor José Luís Mascareñas.
Ela é toda unha arquitecta molecular que traballa no “campo da química bioortogonal, un campo moi recente pero de gran importancia e impacto”. De feito coméntanos que este ámbito recibiu o premio Nobel de Química no 2022 e foi concedido a unha muller pioneira neste campo, Carolyn Bertozzi. “Foi a sexta muller en gañar este recoñecemento”.
Pero que fan María e o seu grupo de investigación exactamente? “O que facemos é intentar trasladar reaccións que facemos no laboratorio ao interior de células vivas. Con isto buscamos alterar o metabolismo celular. Así podemos estudar o comportamento dos organismos e xerar novas tecnoloxías biomédicas”. María recoñece que é unha investigación básica que busca xerar un novo coñecemento na fronteira “entre a química e a bioloxía”.
De feito o que máis chama atención do seu proxecto é que desafían á natureza.“No interior das nosas células teñen lugar miles de reaccións químicas promovidas por uns “catalizadores naturais” chamados enzimas. Nos, no laboratorio, en lugar dos enzimas empregamos catalizadores artificiais para promover as reaccións”, explícanos. Esta asturiana que leva no CiQus dende 2015 e ademais de investigadora é docente, defínese como “química orgánica de formación”. Agora está traballando nun campo que lle resulta “realmente apaixonante” porque se atopa na fronteira entre a química e a bioloxía”. Porén, para chegar a este punto tivo que facerse forte xa que nos asegura que a “investigación non é un camiño de rosas”.
MULLERES E CIENCIA
María Tomás ademais de ser docente, tamén está concienciada en visibilizar o papel da muller na ciencia realizando charlas en colexios ou institutos e afirma que ve “claramente como descende o número de mulleres desde as carreiras ata as diferentes fases de investigación ou niveis de profesorado ou cátedra”. Fala do ámbito universitario que é no que traballa e non de empresas e cando lle preguntamos a razón de que ocorra isto ten unha resposta clara. “Hai menos mulleres na ciencia que noutros ámbitos, e polo xeral dedícanse a carreiras menos científicas ou tecnolóxicas polo difícil que é conciliar vida laboral e persoal”, coméntanos.
María apunta que hai mulleres que se van perdendo no proceso e apunta á maternidade como un punto de inflexión. Ela mesma é nai de dous nenos e nun momento da súa vida tivo que cuestionarse “Que quero facer?” e sinte que no momento en que “tes que decidir que antepós, iso é un problema”. Ela conseguiu ser nai e seguir coa docencia e a investigación, pero iso non “quere dicir que sexa imposible, pero tampouco doado”. Non se pode facer ambas cousas ao mesmo nivel.
“Tes que parar, entón notas un descenso da túa produción. Obviamente compénsache ser nai porque é o que queres, pero notas que cambia a túa situación laboral", apunta. Para ela son dificultades engadidas e na súa propia pel recoñece que cando estivo de baixa por maternidade “seguía traballando porque non podes permitirte parar de todo”. Tendo en conta esta situación como muller, María concreta que “hai igualdade de oferta, pero como mulleres non chegamos a elas nas mesmas condicións”. É por isto que falta moito para alcanzar esa igualdade e que a historia ten unha conta pendente coas mulleres na ciencia.
“Hai cantidade de descubrimentos científicos que realizaron mulleres e ninguén o sabe. Este é un problema para que moitas rapazas non escollan carreiras de ciencia porque non teñen modelos a seguir”, cóntanos a súa visión. Expón un exemplo moi particular e representativo que consiste nun estudo que lle fixeron a diversos nenos no que tiñan que debuxar unha persoa específica, non requería ser home ou muller. “Ata os 10 anos, os nenos facían indistintamente homes e mulleres; as nenas debuxaban mulleres como as súas nais e os nenos, debuxaban homes”, conta pero amósanos que a cousa cambia cando “a partir dos 12 anos debuxaban un científico con pelos tolos tipo Einstein porque é o que viran no colexio”. Así, nese estudo a muller desaparecía en lugar do científico tolo, de aí a importancia da educación.
DIVULGACIÓN E CIENCIA
María Tomás traballa no CIQUS onde fai uso dos laboratorios de investigación do centro e dirixe os traballos de fin de Grao, Máster ou Tese, ademais de dar clase noutras facultades en materias de química.“Gústame a docencia e a investigación e aquí téñoo todo” e apunta que o CIQUS é un centro multicisplinar. María é asturiana e aló non hai un lugar como este centro, así que non pensa en moverse e aquí.
Outro tema que nos interesa é como divulgar a ciencia ao público xeral. “O estereotipo común que eu vexo desde dentro é que o do científico tolo e a concepción de que a química é perigosa”, dinos María. Precisamente para combate esta apreciación o máis importante é conseguir que a ciencia sexa “atractiva, próxima e comprensible”. Por exemplo, no CIQUS realizan xornadas de portas abertas para achegar á ciencia ao público xeral, desde nenos ata adultos. “A química serve para moito máis e forma parte de todo”, asegura.
“A INVESTIGACIÓN É UNHA CARREIRA DE FONDO”
María é consciente do duro que é o mundo da investigación dentro da ciencia e defíneo como “unha carreira de fondo” xa que supón inestabilidade durante moito tempo e “hai xente que desiste no camiño”. E que nesa carreira e aposta pola investigación hai que ser conscientes de que no “mundo da universidade non te vas facer rico” e que se o obxectivo é facer cartos “vaste a unha empresa privada”.
“Na investigación non existe o fracaso, partes dun feito, dunha hipótese e chegas a un resultados, que poden non corresponder coa hipótese, pero conseguiches un desenvolvemento”, di María que tamén recoñece que para os mozos “un experimento fallido xa supón un fracaso”.
A nosa ‘Galicientífica’ ademais de docente di exercer de psicóloga para conseguir motivar aos máis novos e sacar o positivo de casa cousa. “Coa experiencia aprendes a facer callo, a que non doa tanto”, apunta, xa que o feito de que na carreira de investigadora sexan moitas as mulleres químicas que se quedan no camiño “é un fracaso do sistema”. Transmite que unha persoa iníciase na investigación porque lle gusta e cando ten que abandonala por falta de opcións para seguir, supón un fracaso persoal e do sistema que “perde xente boa no camiño”.
“SOMOS ARQUITECTOS MOLECULARES”
Documentándonos para esta entrevista mencionámoslle unha frase do profesor José Luís Mascareñas: “Os químicos somos arquitectos moleculares”. María ri e recoñece que cando a escoitou gustoulle moito e que lle resulta moi representativa. “Somos como os arquitectos cando deseñan unha casa, nos podemos facer unha molécula para que funcione dunha forma determinada. Para que cheire a limón, para que sexa máis ou menos dura… Eliximos a súa función e deseñámola segundo iso”, apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.