Un axente forestal denuncia na Garda Civil que tentaron subornalo para plantar eucaliptos en zonas prohibidas

A nova Lei de Recuperación da Terra Agraria impide a plantación desta especie en terreos nos que non se plantara antes.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/11/2023 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Un axente forestal denunciou ante a Garda Civil un intento de suborno por parte do propietario dunha leira que pretendía plantar eucaliptos en zonas prohibidas, tal e como recolle a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria.

Repoboación de eucalipto na Fonsagrada
Repoboación de eucalipto na Fonsagrada | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Segundo confirmou Galicia Confidencial, os feitos tiveron lugar cando esta persoa pretendía plantar esta especie invasora en varias fincas do concello de Arzúa. Ao ser sorprendido por un axente forestal, quixo subornalo ofrecendolle diñeiro. O traballador de Medio Rural decidiu entón poñer os feitos en coñecemento da Garda Civil e presentou unha denuncia ante a cuartel da Benemérita do Pino. 

Desde xullo de 2021 está prohibido plantar eucaliptos en fincas onde previamente había piñeiros ou outras especies forestais. O artigo 67 da Lei de Montes 7/2012 sinala os terreos nos que non se poden executar plantacións, tales como solo rústico de especial protección agropecuaria ou montes poboados con frondosas caducifolias. Tamén precisa que toda plantación de eucaliptos maior a 5 hectáreas necesitará autorización previa.

Por tanto, e ata decembro do 2025, o eucalipto só se poderá plantar en parcelas forestais onde xa sexa a especie maioritaria. Tamén no caso de repoboacións previstas en plans de ordenación forestal que fosen aprobados pola Xunta antes da entrada en vigor da Lei de Recuperación de Terras. 

Outra excepción para novas plantacións dáse no caso de que un propietario teña unha masa dominante de eucaliptos, con máis da metade da superficie ocupada por pés maiores de eucalipto, e queira trasladar ese uso a outra parcela, adicando a parcela orixinal a outras especies forestais (coníferas ou frondosas caducifolias). Con todo, no caso de parcelas que teñan unha ocupación maioritaria de eucalipto e que se queiran replantar, será necesaria autorización previa se a ocupación do eucalipto é superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa.

Esta moratoria ó eucalipto estará vixente ata decembro do 2025, pero pode ser revisada antes, unha vez a Xunta teña os datos do inventario forestal continuo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta