PSOE e BNG deixan só ao Partido Popular no pleno da Deputación de Pontevedra en contra da amnistía

Os socialistas censuran a convocatoria extraordinaria a mesma semana que cadra co aniversario da morte de Franco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O Partido Popular aprobou en solitario no pleno da Deputación de Pontevedra unha moción en "defensa da Constitución española, a igualdade dos españois e o respecto ao Estado de Dereito e a democracia". Doce minutos durou esta sesión plenaria extraordinaria, "a máis importante do ano" --para os populares-- que unicamente contou coa intervención do portavoz do grupo popular, Jorge Cubela para defender a moción xustificando a súa urxencia no "rexeitamento formal, contundente e oportuno ao rexistro, debate e aprobación da proposición de Lei de Amnistía".

Para o grupo provincial do PP, a ausencia dos deputados da oposición é "unha auténtica falta de respecto institucional", en palabras de Jorge Cubela. Para o portavoz do PP, visto o que pasou hoxe no pleno, "quedou ben claro que estamos ante unha submisión completa a Pedro Sánchez". O portavoz popular tamén reprochou que "ao BNG dálle igual que teñamos que asumir co noso diñeiro o prezo dos votos de Sánchez" que, segundo dixo, "son máis de 15.000 millóns de euros". "Non lles importa Galicia, pero a nós si", destacou Cubela.

Ao finalizar o pleno, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, tamén criticou as "escusas" do PSOE e do BNG para "non defender a Constitución e non defender a igualdade entre todos os españois". "Eu entendo que é moi difícil de xustificar a amnistía e os pactos do sanchismo", agregou. Luis López tamén razoou a convocatoria dun pleno extraordinario convocado unicamente para debater esta moción, asegurando que "este é un tema de máximo interese para todos os españois" e sinalou que "esta é unha cuestión que ten repercusión en España, en Galicia e en Pontevedra", polo que entende que "hai cuestións que non se poden deixar esperar no tempo", a pesar de que este venres terá lugar o pleno ordinario.

"DEGRADACIÓN INSTITUCIONAL"

Os deputados do grupo socialista acudiron ao Pazo Provincial minutos antes do pleno "homo franquista" para facer unha declaración ás portas da sede da Deputación de Pontevedra na que expresaron o seu "profundo rexeitamento" ante a "degradación institucional á que o Partido Popular levou a esta institución" utilizando o salón de plenos para "unha algarada partidista" ou "un exercicio de axitación que forma parte da estratexia de ruído e crispación ordenada desde a sede nacional do PP". O portavoz do PSOE, Carlos López Font leu esta declaración na que tamén afirman que "o PP caeu extraordinariamente baixo ao convocar este pleno nas efemérides do 20 de novembro, no aniversario da morte de Franco e de Primo de Rivera, na data máis simbólica da ditadura, algo que consideran que "non pode ser casual". "Agardemos que polo menos non lle arrinquen o escudo constitucional á bandeira de España no Salón de Plenos", apostilou.

Bancada popular no pleno da Deputación de Pontevedra./ DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
Bancada popular no pleno da Deputación de Pontevedra./ DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta