A Xunta subvencionará aos promotores con 50.000€ por vivenda construída que destinen ao aluguer

Mobilizará 56 millóns para fomentar o acceso á vivenda, a través do aluguer ou a compra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia porá en marcha un paquete de medidas cun total de 56 millóns de euros para fomentar o acceso á vivenda, entre as que se inclúen axudas de ata 50.000 euros por vivenda que os promotores constrúan para destinar ao aluguer.

Vivenda en aluguer. O prezo dos pisos sege subindo
Vivenda en aluguer. O prezo dos pisos sege subindo | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

As medidas foron anunciadas este xoves polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno, na que a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángels Vázquez, debullou as partidas.

En concreto, conforme indicou a conselleira, a Xunta destinará un total de 56 millóns de euros para fomentar o acceso á vivenda, a través do aluguer ou a compra, así como mediante apoios aos promotores que constrúan inmobles para alugar. Do total de 56 millóns, detallou, 44 irán para estas dúas liñas de apoio e 12 destinaranse á rehabilitación. Unhas partidas que a Xunta prevé ampliar cos 24 millóns de fondos europeos pendentes de repartición por parte do Goberno central.

AXUDAS AO ALUGUER

"Adquirir, alugar e recuperar inmobles vai ser prioritario no ano 2024", dixo Ángeles Vázquez, que destacou que, como novidade, as axudas ao aluguer, ás que a Xunta destinará 20 millóns --10 en 2024 e outros 10 en 2025-- refórzanse ata cubrir un 60% a renda mensual dos colectivos de menores de 36 anos, as familias numerosas e monoparentais, os emigrantes retornados e as persoas que levan inscritas un ano ou máis no rexistro de demandantes.

Todas estas persoas deberán cumprir requisitos como non superar tres veces o Iprem --uns 25.200 euros-- e ter un contrato de aluguer ao longo do último ano. A titular de Vivenda detallou que estas axudas irán en función das necesidades e non se concederán de forma lineal.

AXUDAS Á COMPRA E REBAIXA FISCAL

Así mesmo, en canto aos apoios para a compra de vivenda habitual, a Xunta convocará subvencións para a adquisición de vivendas en centros históricos (0,5 millóns de euros), de inmobles protexidos (1,05 millóns) e en municipios de menos de 10.000 habitantes (1,9 millóns), dirixida neste caso, en exclusiva, a menores de 35 anos.

Ademais, manterase a liña de avais públicos da Xunta por un importe de ata 5 millóns de euros para apoiar á mocidade na compra da súa primeira vivenda.

DECLARACIÓN DE ZONAS TENSIONADAS

Por outra banda, na rolda de prensa e preguntada pola decisión da Xunta de incluír na lei de acompañamento dos presupostos mecanismos para regular a declaración de zonas de aluguer tensionadas, a conselleira explicou que se optou por esta fórmula ao "non estar habilitada" na lei estatal ningunha fórmula para proceder a esta declaración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta