Por gcdeportes | Pontevedra | 27/06/2015 | Actualizada ás 22:38
Catro anos despois, o Pontevedra volve ser equipo de Segunda División B. Nun Pasarón ateigado, os granates remontaron o 1-0 encaixado na Rioxa e gañaron 3-0 ao Haro Deportivo con dous goles de Jorge Rodríguez, un de penalti no desconto, e outro de Kevin Presa, todos no segundo tempo. Tamén axudou a actuación do porteiro Edu Sousa, con varias paradas de mérito que evitaron o gol rival con 0-0 e 1-0 no marcador.
Os seareiros invadiron o céspede e mantearon a Luisito e aos futbolistas. O adestrador, con bágoas nos ollos, adicou o ascenso aos xogadores: "Merécenno, alégrome por todos eles". Tamén estoupaba de ledicia a presidenta Lupe Murillo, que non puido nin mirar o segunto tempo polos nervios.
O Pontevedra acada a fazaña un 27 de xuño, xusto once anos despois do seu último ascenso, a Segunda División. Os granates súmanse a Racing de Ferrol, Compostela, Coruxo, Somozas e Celta B na Segunda B, polo que Galicia contará con seis equipos na vindeira tempada na categoría. Ademáis, o salto do Pontevedra a 2ªB supón o ascenso do Noia a terceira.
Ficha técnica
Pontevedra CF 3: Edu Sousa; Adrián Mouriño, Campillo, Capi, Anxo; Kevin Presa, Jacobo (Pedro García, 85’), Miguel Centrón (Álvaro Muñiz, 46’), Tubo (Tomás Abelleira, 73’), Pablo Carnero e Jorge Rodríguez.
Haro Deportivo 0: Javi Pérez; Antón, Txejo, Pirri, Óscar; Arpón, Viola, Aimar, Javi López (Unai, 74’), Olavarrieta (Dani Gómez, 90’) e Suárez.
Goles: 1-0: Jorge Rodríguez (minuto 55). 2-0: Kevin Presa (minuto 79). 3-0: Jorge Rodríguez, de penalti (minuto 92).
Árbitro: Francisco Rivera García (castelán). Amarelas a Tubo, Álvaro Muñiz e Anxo no Pontevedra.
Incidencias: partido de volta da eliminatoria final polo ascenso a 2ªB no estadio municipal de Pasarón ante preto de 12.000 espectadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.