Seis mobilizacións polo día das montañas contra os parques eólicos

Eólica Así Non subliña que hai "base xurídica" e "razóns de peso" para paralizar proxectos e confía en que o Supremo "ratifique" as suspensións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A coordinadora Eólica Así Non convoca seis mobilizacións para reivindicar o papel da sociedade civil "activa e organizada" en defensa do territorio no día mundial das montañas. Serán o vindeiro sábado 9 de decembro, ás 16.00 horas, na Fonsagrada e o domingo 10, neste caso a horas comprendidas entre as 11.00 e as 12.00 horas, en Moraña, Lugo, Ortigueira, Val do Dubra e Vilar de Barrio.

A portavoz da coordinadora, Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega, respondeu este xoves ás declaracións da conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, quen falou de "poucas voces pero ruidosas que chegan a mediatizar decisións", nunha semana na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volveu a suspender outro parque eólico.

A xuízo desta representante, é "perigoso que se poñan en dúbida decisións xudiciais", posto que a xustiza "debería ser independente" e os fallos que suspenden parques "atenden á lexislación vixente". Neste sentido, subliñou que hai "base xurídica" e "razóns de peso" para paralizar os devanditos proxectos, e confiou en que o Tribunal Supremo "ratifique" a sentenza que anulou unha repotenciación en Corme.

Desta decisión, que está prevista para decembro, dependen outros tantos parques en suspenso debido ao mesmo motivo: "parte da información foi secuestrada á sociedade" na fase de exposición pública, denunciou Rodríguez. En calquera caso, resaltou que "existen outros motivos de peso para paralizar" proxectos, en relación coa "fragmentación irregular" de iniciativas "para saltarse salvagardas".

CONTRA O ESPOLIO

Neste contexto, a plataforma chama a mobilizarse a fin de semana do 9 e 10 de decembro en contra do "espolio" e os "oligopolios" que "queren aproveitarse" dos recursos galegos. Tamén censura que o plan eólico actual está "desfasado e obsoleto" e carga contra as reformas lexislativas dos últimos anos por parte da Xunta "para favorecer a grandes corporacións".

Rolda de prensa de Eólica Así Non presentando mobilizacións
Rolda de prensa de Eólica Así Non presentando mobilizacións | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta