Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/09/2025 | Actualizada ás 10:00
O éxito do 'Festival Internacional de Xardíns de Allariz' (FIXA) é indiscutible. A repercusión e a asistencia de cada ano avalan a organización deste evento que naceu no ano 2010 coa vontade de converterse nun referente en creatividade paisaxística e innovación medioambiental nacional e internacional.
Con proxectos creativos chegados de todo o mundo, a vila de Allariz convértese nunha sorte de escaparate de xardíns nos que conviven arte, natureza e sustentabilidade.
"OS XARDÍNS COMO ESPAZOS DE LIBERDADE"
A liberdade, entendida en múltiples dimensións --da natureza, das persoas e da sociedade--, será o fío condutor da vindeira edición do FIXA. "Os xardíns non só se conciben como espazos de beleza, senón tamén como refuxios onde as restricións se disipan, lugares de encontro coa natureza e símbolos de resistencia ecolóxica e social", comentan dende a organización.
Con esta proposta, o festival anima a deseñadores, arquitectos paisaxistas, artistas e creadoras de todo o mundo a presentar proxectos innovadores que reflexionen sobre como os xardíns poden converterse en escenarios de liberación e creatividade.
ENVÍO DE PROPOSTAS
O prazo para enviar propostas a concurso remata o 30 de novembro de 2025 e as BASES para poder presentarse están detalladas na páxina web do Concello de Allariz. Para información e aclarar dúbidas tamén se ofrece o seguinte correo electrónico de contacto: festivaldexardins@allariz.gal
XORNADA DEDICADA Á ARTE DO XARDÍN EFÉMERO EN ALLARIZ
Allariz será o escenario dunha xornada profesional baixo o lema “Imaxinación en flor: a arte do xardín efémero” que organiza a 'Asociación Española de Paisaxistas' o vindeiro 3 de outubro.
O encontro reunirá no fogar do Maior de Allariz a especialistas, académicos e profesionais do paisaxismo nun programa que combina conferencias, mesas de debate, experiencias creativas e unha visita ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
Entre os relatores destacan Francisco García (director do Festival de Xardíns de Allariz), Íñigo Segurola (paisaxista e socio da AEP), José Souto (Innova Paisaxes), Sinda Dávila (paisaxista e socia da AEP) e representantes de universidades e escolas de paisaxe, que participarán nunha mesa redonda sobre a creatividade no deseño efémero.
O programa inclúe tamén a entrega dos premios Xardín Galego de AGAEXAR, unha sesión de Pecha Kucha con estudantes de paisaxismo e unha visita guiada ao festival, que se ten consolidado como un referente europeo neste ámbito.
A inscrición, que inclúen café, xantar e entrada ao festival, ten un custe de 30 € para socios/as da AEP e de AGAEXAR e 40 € para non socios/as.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.