Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/12/2023 | Actualizada ás 12:00
Para manifestar o desexo ou a acción de aproveitar de xeito inmediato unha ocasión que, sen que mediara aviso ou preparación previos de ningún tipo, se presenta como propicia, en castelán é frecuente botar man do fraseoloxismo aquí te pillo, aquí te mato, sobre todo naqueles casos en que se está a falar de aproveitar unha oportunidade de carácter sexual.
En galego, á marxe desa mesma secuencia, temos outra que posiblemente sexa máis enxebre: aquí te collo, aquí te esfolo.
Aquí te pillo, aquí te mato
Aquí te cojo, aquí te mato
{= Paremias con que se indica o desexo ou a acción de aproveitar de xeito inmediato unha ocasión que, sen que mediase aviso ou preparación previos de ningún tipo, se presenta como propicia, sobre todo naqueles casos en que se está a falar de aproveitar unha oportunidade de tipo sexual.}
Aquí te collo, aquí te esfolo
[E MAIS, SE CADRA POR INFLUENCIA CASTELÁ]:
Aquí te pillo, aquí te mato && Aquí te collo, aquí te mato
● Tamén, basicamente asociada ós contextos en que se fala de aproveitar unha ocasión de carácter sexual:
Aquí te pillo, aquí te cepillo
Ex.: En ese programa basura no hay ni la más mínima maniobra de seducción romántica entre los participantes. Es un “aquí te pillo, aquí te mato” continuo.
Nese programa lixo non hai nin a máis mínima manobra de sedución romántica entre os participantes. Évos un “aquí te collo, aquí te esfolo” ‡ “aquí te pillo, aquí te mato” ‡ “aquí te collo, aquí te mato” ‡ “aquí te pillo, aquí te cepillo” continuo.
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.