O turismo dispárase en Galicia e bate marcas: crece ao 6 % ata outubro, con 6,4 millóns de viaxeiros e 12 millóns de noites

Galicia no que vai de ano colócase "como o primeiro destino do norte peninsular e o sétimo destino máis importante de España no referido a demanda turística", por detrás de Cataluña, Canarias, Baleares, Andalucía, Comunidade Valenciana e Madrid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2023 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A Xunta resalta que o turismo galego crece a un ritmo do 6,5 % con máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados e "os mellores niveis de rendibilidade desde que hai rexistros". Por mor dos datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), e sinalando aos acumulados ata outubro, ve constatada a "positiva evolución deste ano, especialmente fóra de tempada alta".

Así, di que a comunidade no que vai de ano colócase "como o primeiro destino do norte peninsular e o sétimo destino máis importante de España no referido a demanda turística", por detrás de Cataluña, Canarias, Baleares, Andalucía, Comunidade Valenciana e Madrid. Os máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano fixeron máis de 12 millóns de noites, segundo a Xunta, unha alza do 5,9 %.

"Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico no sector, como indican os índices de rendibilidade hostaleira que están a se incrementar un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros", engade. O "bo comportamento" da demanda neste período "vén como consecuencia dos incrementos rexistrados en nove dos 10 meses, de forma especial no primeiro semestre, coincidindo coa tempada baixa, con subidas do 32 % en xaneiro, do 8 % en febreiro, do 20 % en marzo, do 15 % en abril, do 7,5 % en maio e do 3,1 % en xuño", de acordo coas cifras que refire a Xunta.

70 % HOTEIS E NACIONAIS

Neste período de 10 meses, apunta, o 70 % da demanda correspóndese co segmento hoteleiro (cun 56 % para os hoteis e 14 % para as pensións) mentres que o 30 % restante queda no aloxamento extrahoteleiro, que inclúe albergues, cámpings, apartamentos turísticos e turismo rural. Os hoteis rexistran a porcentaxe de ocupación máis alta do conxunto da oferta de aloxamento, cun 48,1 % de media no acumulado a outubro.

Tamén o 70 % da demanda correspóndese co turismo de ámbito nacional e o mercado internacional absorbe o 30 %. "O incremento do mercado internacional é de tal magnitude que alcanza agora en 2023 un máximo histórico de demanda con 3,6 millóns de pernoctacións nestes 10 meses", conclúe a Xunta.

Imaxe da habitación dun hotel
Imaxe da habitación dun hotel | Fonte: Jesús Hellín - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta