Minuto de silencio en Oroso polo crime machista no que morreu unha muller octoxenaria

Decenas de persoas gardaron este sábado un minuto de silencio no concello coruñés de Oroso polo crime de violencia machista no que un home matou á súa muller cunha arma branca e despois suicidouse.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2023 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Decenas de persoas gardaron este sábado un minuto de silencio no concello coruñés de Oroso polo crime de violencia machista no que un home matou á súa muller cunha arma branca e despois suicidouse.

Veciños da localidade e a corporación municipal encabezada polo alcalde, Alex Doval, concentráronse ás 12,00 horas deste sábado diante do Concello en recordo da vítima.

Doval fixo unha invitación á "reflexión colectiva". "A promoción de igualdade entre homes e mulleres, a súa construción real e efectiva, corresponde a todos", apuntou.

Por iso, incidiu en que a igualdade "debe ser construída" no día a día, tanto no ámbito público como privado e, continuou, a violencia machista é a "expresión máis feroz" da violencia contra as mulleres e a favor da desigualdade entre homes e mulleres.

"Para combatela necesitamos avanzar, non só nas accións de sensibilización dirixidas á poboación en xeral, senón tamén en accións de prevención na adolescencia e na mocidade, nas medidas de detección, atención e protección ás vítimas", apostilou.

Así mesmo, o alcalde remarcou que "só a través dunha fronte común" entre a sociedade e as institucións será posible "pór freo" ás violencias que sofren as mulleres.

"Para iso é urxente que deixe de utilizarse a negación ou a banilización da violencia de xénero como "elemento de confrontación política e social", sentenciou.

FEITOS

Os corpos, pertencentes a un home de 88 anos e unha muller de 80, foi a nora quen os atopou na mañá do venres cando chegou á vivenda, situada na rúa Castaños.

O alcalde, preguntado polos medios, explicou que o home era a persoa encargada de coidar á muller, aínda que tiña axuda familiar. A vítima, engadiu, tiña "moitos achaques", Alzheimer e Parkinson.

O matrimonio non estaba empadroado en Oroso e o alcalde explicou que no concello vive moita xente do rural de Santiago que, cando chegan a certa idade, múdanse alí porque teñen os servizos máis preto.

Con todo, no concello non haberá máis actos institucionais. O alcalde eloxiou a resposta dos veciños e remarcou que Oroso é un pobo solidario e nos momentos importantes "está unido".

Minuto de silencio no Concello de Oroso (A Coruña).
Minuto de silencio no Concello de Oroso (A Coruña). | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta