Ourense enfróntase á Xunta, ao negarlle esta a declaración do seu Entroido como festa de interese turístico de Galicia

O rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou que "se trata do enésimo agravio da Xunta de Galicia" coa cidade, e cualificou de "atropelo" a resolución ao denegarlle este recoñecemento á festa, "o mellor Entroido de Galicia e o que máis xente aglutina do norte de España".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/12/2023 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense impugnará a resolución da Axencia de Turismo de Galicia que arquiva a solicitude realizada pola institución local para declarar o seu Entroido de festa de interese turístico de Galicia. A xunta de goberno local deste xoves tomou coñecemento da resolución e acordou interpor un recurso potestativo de reposición.

A pasada semana o Executivo autonómico arquivou a solicitude e trasladoulle ao Concello a resolución na que descartaba a petición alegando "falta de singularidade". O rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou que "se trata do enésimo agravio da Xunta de Galicia" coa cidade, e cualificou de "atropelo" a resolución ao denegarlle este recoñecemento á festa, "o mellor Entroido de Galicia e o que máis xente aglutina do norte de España".

O alcalde xulgou que, con esta resolución, o Executivo autonómico "obvia a realidade", que o Entroido de Ourense "ten interese porque o pobo o demostra". "Négannos aquilo que o pobo afirma", manifestou Jácome a través dun comunicado. O Concello presentou a solicitude o 10 de marzo, "tendo en consideración a importancia como atractivo turístico", e defendeu que cumpría todos os requisitos establecidos na normativa: antigüidade, singularidade, arraigamento, accións promocionais, valor cultural e continuidade no tempo.

As pantallas desfilando polas rúas no primeiro día do Entroido de Xinzo de Limia a 16 de febreiro de 2020
As pantallas desfilando polas rúas no primeiro día do Entroido de Xinzo de Limia a 16 de febreiro de 2020 | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta