Os directores sobre a prohibición dos móbiles nos centros: "Non lles achegan nada e dan problemas de atención"

A Xunta defende a prohibición dos móbiles en todos os centros educativos para mellorar a "convivencia". "Non é prohibir por prohibir", di o conselleiro de Educación, que avanza reunións con directores, Anpas e patronal de concertados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2023 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, vinculou cunha mellora da "convivencia" a proposta da Xunta de estender a prohibición do uso dos teléfonos móbiles a todos os centros educativos e en todo momento tras as vacacións de Nadal.

Rodríguez asegurou que a medida está a ser "moi ben acollida pola inmensa maioría da sociedade". E este martes, engadiu, haberá un encontro coa Federación de Anpas e están previstas reunións coa patronal dos centros concertados. "Non é prohibir por prohibir, estamos a falar de convivencia nos centros educativos para evitar un mal uso dos móbiles", recalcou, a preguntas dos xornalistas, con motivo da presentación dos novos proxectos de mellora nos centros educativos da cidade herculina.

DEBATE NA COMUNIDADE EDUCATIVA

O conselleiro explicou que esta proposta xerou un debate "tremendamente interesante" entre a comunidade educativa e as familias, "onde maioritariamente entenden que é positivo facer unha regulación máis estrita do uso dos móbiles". Neste sentido, lembrou que desde o ano 2015 estes dispositivos non poden empregarse en horas de clase "salvo para un uso pedagóxico en determinadas materias e coa supervisión do profesorado". Incidiu, ademais, en que o 75 % dos centros educativos galegos "xa teñen prohibido" os móbiles para o alumnado en todo momento.

"Con isto o que se permite é estendelo e dar unha maior cobertura xurídica e maior seguridade aos equipos directivos e aos centros", afirmou respecto da medida proposta pola Consellería de Educación. "Hai que concienciarnos todos, as familias teñen un papel relevante, fai falta unha reflexión colectiva como sociedade sobre as ferramentas que lle damos aos nosos fillos", concluíu.

O conselleiro, Román Rodríguez, e  o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor./ XUNTA / Europa Press
O conselleiro, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor./ XUNTA / Europa Press

"IMOS ACABAR CO USO ABUSIVO? NON O SABEMOS, POR ALGO HAI QUE EMPEZAR"

Así as cousas, a Xunta mantivo este luns pola tarde unha reunión cos directores dos centros galegos, que con carácter xeral están a favor de avanzar na regulación do uso do móbil. Aínda que non lles convence a palabra "prohibir", si consideran que certa restrición é positiva para a convivencia no colexio e para a atención na aula.

En declaracións a Europa Press, o director do CEIP Felipe de Castro de Noia e presidente da Federación Galega de Directivos de Centros de Ensino Público (Fegadicep), Francisco Lires, saúda a intención da Xunta, confirmada a semana pasada polo presidente, Alfonso Rueda, de ser máis restritivos na normativa e non permitir os dispositivos tampouco no recreo, no comedor nin en excursións, entre outros ámbitos.

"Hai que pensar realmente que lles achega o seu uso nun centro educativo cando non o necesitan para nada", recalca Lires, quen avoga por favorecer as "relacións interpersoais" nos colexios e institutos porque, de portas cara adentro, os móbiles "non teñen moita cabida". Aínda que o presidente de Fegadicep recoñece que "non se pode vivir de costas" aos avances tecnolóxicos, explica que o uso dos móbiles, mesmo aínda que na aula xa estaban prohibidos en Galicia desde unha normativa do ano 2015, fai oito anos, dan "problemas de convivencia e de atención".

"Imos acabar co uso abusivo? Non o sabemos, pero por algo hai que empezar", engade, para avogar tamén por unha correcta educación sobre o bo emprego do móbil, algo que "os centros teñen que promover" pero que tamén depende "da educación que vén de casa". Antes de que finalice o ano, convocaranse novas reunións nas que se trasladarán aspectos máis concretos da nova normativa, coa intención de implantala á volta das vacacións de Nadal.

No encontro deste luns con directores, celebrado en formato telemático, interveu tamén persoal da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que falou dos problemas de saúde mental e de adicción que xera o 'smartphone' en nenos e adolescentes. En termos similares pronúnciase Isabel Ruso, presidenta da Asociación de Directores e Directivos de Institutos de Galicia (Addiga), quen agradece á Xunta a "información clara" sobre que o uso excesivo do móbil está "a ser prexudicial".

Precisamente, Ruso é directora do IES Eusebio da Garda na Coruña, onde este curso se aplicou un novo protocolo máis restritivo cos móbiles que partiu dunha proposta inicial da ANPA e do claustro de profesores, xunto á posta en marcha de actividades para crear comunidade. "Solucionáronse moitos problemas que había", afirma. Con todo, esta directora insiste tamén en que, "en paralelo" ao novo protocolo da Xunta, "ten que ir unha formación".

OS CENTROS CONCERTADOS, A FAVOR

No marco das reunións convocadas pola Consellería de Educación para abordar este debate, este martes haberá outro encontro 'en liña' cos representantes das ANPAs galegas. Tamén este luns, pero pola mañá, os responsables da administración falaron co sector dos centros concertados.

Por parte da Confederación Española de Centros de Ensino (CECE) en Galicia acudiu Ignacio Gai, quen lles trasladou cal o modelo implantado nos colexios adheridos a este colectivo. A regra xeral xa é a prohibición en todos os espazos, aínda que estes centros acollen tamén alumnos de FP de máis de 18 anos aos que si se lles permite.

Ao representante de CECE en Galicia parécelle "ben" a elaboración deste novo protocolo ante un "tema complexo" e que causa problemas que "o 90 por cento ou máis das veces veñen de fóra". Tamén ve complicado o seu encaixe nas actividades didácticas porque, en materia de tecnoloxía, "os centros xa están equipados" con todo o necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta