Por Xurxo Salgado | A Veiga | 14/07/2015 | Actualizada ás 08:00
É alcalde da Veiga, popular e o máis novo da provincia de Ourense. Conseguiu renovar o partido do seu concello e manter a maioría absoluta a pesar de que esa renovación provocou que parte da vella garda do partido marchara e montara unha candidatura independente. Con todo, Juan Anta levou 4 de sete concelleiros.
No goberno serán todas caras novas. Ningún dos sete integrantes da súa lista (nin os suplentes) estaban na de 2011. Nin sequera a actual concelleira Julita Rodríguez Barrio, nai do rexedor.
As súas prioridades nesta lexislatura son evitar o despoboamento no rural, especialmente, nun concello que en 20 anos perdeu un terzo da súa poboación ata baixar dos 1.000 habitantes.
Es o alcalde máis novo da provincia. Como é que te decidiches a ser o candidato?
Os motivos foron varios. Resulta indiscutible que intentar axudar a crecer o Concello no lugar onde naciches foi un dos máis importantes. A Veiga ten moitas posibilidades e debemos converter esa expectativa nunha realidade.
Tamén es novo como alcalde e como concelleiro, cal era a túa experiencia política antes de chegar á alcaldía?
Son Presidente do Partido Popular de A Veiga dende hai pouco máis dun ano. Con todo, creo que a miña experiencia profesional debéranos axudar no desenrolo das nosas tarefas e proxectos.
Supoño que algo xa mamarías na casa tendo unha nai que foi concelleira tantos anos?
Si, tanto o meu pai como a miña nai participaron humildemente na política local e eu convivín con iso dende que era un cativo. En calquera caso a Política sempre me gustou especialmente, así lembro que cando tiña 13 ou 14 anos prefería ver debates que calquera outra cousa.
E que opinas diso de que entre a mocidade hai moito rexeitamento á política?
É normal. A mocidade e crítica e así debe ser. A min repuname e e avergóñame toda clase de corrupción, e esta ocasionou unha gran indignación entre os mozos o cal é perfectamente entendible. De igual forma a crise propiciou situacións moi inxustas e delicadas especialmente entre a mocidade. Por todo iso debemos todos recoñecer erros e ser humildes na explicación das cousas que facemos correctamente. A xente sempre ten a razón cando nos votan e cando non, debemos sempre analizar o que nos din sen buscar escusas.
Como se pode cambiar iso?
Xenando novamente esa ilusión con feitos, pero rexeitando os populismos. Convertendo esa crítica en confianza.. Debemos volver a rúa de onde nunca debemos saír. Nunca nos debemos esquecer de que estamos para escoitar e servir a xente non para servirnos dela. Debe resultar transcendental nese proceso que a xente nova nos aporte as súas opinións e nós facelos participes da execución das mesmas. Moitos entenden que non teñen un protagonismo que merecen na toma de decisións que a sociedade demanda. Devolvámosllo. Con todo, resulta indiscutible que José Manuel Baltar é un claro referente nese sentido confiando nun equipo de deputados provinciais que creo que teñen a media de idade máis nova de España. Evidentemente iso no quita para que a idade non importa sempre que existan boas ideas.
Que pasou no partido para que ex concelleiros do PP montaran un grupo independente?
Decidimos facer unha renovación total no partido porque críamos firmemente que era o idóneo, primeiro, para obter un bo resultado electoral e o que é mais importante, para poder desenrolar o plan que tiñamos para estes catro anos.
Eles din que chegaches nomeado, precisamente, por Baltar?
Fun elixido Presedente do Partido Popular do meu concello por unanimidade. Unha vez que sucedeu isto ofrecinlle a calquera afiliado presentarse como candidato. Eu fun a única persoa que se presentou. Debemos recordar que os tres primeiros membros desa lista independente renunciaron a recoller a acta como concelleiros e o número catro votou a favor da nosa candidatura a pesar que nos tiñamos maioría suficiente.
Logo da maioría absoluta que obtiveches, cales son os teus retos no concello?
Primeiro enfrontarse o noso gran problema que non é outro que a nosa despoboación. Mellorar os nosos servizos. Os nenos e os nosos maiores deben de ser sempre unha prioridade.
A Veiga perde poboación ano tras ano. Como se podería fixar poboación no concello?
Temos que pensar nalgo global, explícome. Primeiro, se non hai traballo a nosa xente non se pode quedar e a que quere vir de fora non virá. Para conseguir iso dende o Concello apoiaremos calquera iniciativa privada sempre e cando repercuta no noso pobo. Así estamos falando con empresas para a instalación dunha chacinería. Por outro lado en calquera caso temos que conseguir que o Concello tamén asuma un papel importante na creación de emprego e así subvencionarase a creación de cooperativas que teñan como obxecto a recolleita e a creación dos derivados dos nosos produtos. Nese sentido crearemos un banco de terras. Ademais da creación de postos de traballo neses sectores debemos apoiar contundemente o noso turismo con Pena Trevinca como gran referente. Ese mesmo apoio ten que ser igual de contundente cas nosas empresas locais para axilizar e facilitar os seus trámites. Se temos traballo como segundo punto debemos conseguir facilitar o arrendamento de vivenda baleiras para que os inicios no noso concello sexan máis sinxelos e de igual maneira incentivaremos o seu arrendamento.
Tamén te estreas como deputado provincial. Vas levar algunha área no organismo provincial?
Non o sei, estarei a disposición do Presidente.
E que opinas do acontecido na cidade de Ourense cun partido independente que lle disputa a alcaldía ao PP?
O PP gañou de novo as eleccións porque a xente confiou en que era a mellor opción nunha situación complicada. O noso partido tivo que tomar decisións difíciles nunha situación de crise e iso non cabe dúbida que pasou factura. Pero agora debemos mirar o futuro e esquecer 4 anos de absoluto desgoberno e caos. Ourense merece un gran alcalde a súa fronte e non teño a mínima dubida que con Xesús o teremos.
Cres que o teu partido podería chegar a pactos con DO?
Sempre debemos pactar cando os beneficiados sexan os veciños. Creo que é o momento de facer política con maiúsculas e iso implica pensar sempre en todo momento na xente á cal as nosas decisións implican.
E con outras formacións, como as mareas ou listas populares?
De igual maneira que con DO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.