Besteiro sobre a data das eleccións: "Primeiro fala Ayuso con Feijóo e despois fala Feijóo con Rueda"

Critica o "carrusel" de "anuncios electorais" de Rueda, que "tenta facer os deberes a última hora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O candidato á Presidencia da Xunta do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou o "carrusel" de "anuncios electorais" que leva a cabo o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, ao que afeou que trata de "facer os deberes a última hora".

O que será o aspirante socialista nas próximas eleccións galegas pronunciouse deste xeito nun acto en Santiago de Compostela ao ser preguntado polos diferentes anuncios de ofertas públicas de emprego realizados polo presidente popular na rolda de prensa posterior á reunión do Consello o xoves.

Respecto diso, Besteiro sostivo que "soa a anuncio electoral" despois de "moitísimos anos de atraso", uns anuncios que, na súa opinión, ademais, "teñen pouca credibilidade". "Agora toca ese carrusel verdadeiro de anuncios", censurou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, que reprochou a Rueda que trate de "facer os deberes a última hora" tras anos de ausencia de políticas. Ademais, mostrouse convencido de que estas accións "en política hoxe en día serven para pouco".

DATA ELECTORAL

Despois de que Rueda asegurase que "escoitará" o consello de Feijóo ante as autonómicas, Besteiro asegurou que o presidente galego non só terá que escoitar ao líder do seu partido, senón tamén á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. "Primeiro fala Ayuso con Feijóo e despois fala Feijóo con Rueda", dixo o socialista, que asegurou que esta é "a situación que se vive no PP" de Galicia, que cada vez ten "máis de PP e menos de Galicia". "Estamos a ver que as decisións non se toman aquí", asegurou para soster que se trata dunha especie de "mando teledirixido" do que "decide Ayuso".

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto sobre vivenda en Santiago. PSDEG
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto sobre vivenda en Santiago. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta