Sabes por que o capón de Vilalba custa o que custa?

Achégase o día marcado no calendario da capital da Terra Chá coa súa tradicional feira con este producto estrela e falamos con dous criadores para coñecer como se presenta.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/12/2023 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Xa dicía Manuel María que é “fermoso no día do Nadal, evocar as vellas feiras vilalbesas dos capóns, e atoparse na íntima praza de Santa María”. Este 21 de decembro é unha data sinalada: a Feira do Capón de Vilalba, que ten máis de 200 anos de antigüidade. Hai libros do Concello con anotacións da Feira do ano 1835. Desde o Galicia Confidencial quixemos saber como se presenta esta edición coa criadora Vanesa Coira, que ten a súa explotación na parroquia de Román e con Fernando Gacio

O capón de Vilalba
O capón de Vilalba | Fonte: Capón de Vilalba

No caso de Vanesa, ela continúa cunha tradición familiar: “De toda a vida eu recordo aos meus pais criando capóns”. Recoñece que a cría supón un "traballo laborioso" no que é preciso ter tempo e ganas, este ano ela tivo 25 unidades. "Hai que ter en conta que é un animal que bota seis meses na cama e come, pero que tamén existe un certo risco. Á hora de castralo ou ao acadar cinco ou seis quilos, pode haber baixas", explica Vanesa. Como chegan a ese peso? Cóntanos que cando se mercan os pitos andan en liberdade e van comendo o que atopan, pero "despois do San Martiño, a principios ou mediados de novembro, métense nas capoeiras". Por que? A criadora explica que a súa principal finalidade é ter un produto final idóneo, con boa presentación, pero fai fincapé en que as "capoeiras son individuais, o capón ten espazo, non está confinado nun espazo de 30 por 30". 

A base de que se alimentan? Principalmente de "millo amasado e pataca cocida", a base da súa alimentación son os cereais. "A suba da materia prima, a partir do 2020, afectounos moito, aínda que este ano, mellorou”, conta. Á hora de fixar o prezo do capón hai que ter en conta que é “un animal que bota seis meses na casa e come”; o peso e tamaño que acade; e a presentación. “Agora mesmo pagar 140 euros por un capón non sería tan disparatado”, recoñece tendo en conta que antes da pandemia rondaban os 110 por unidade. Un capón duns seis quilos pode alimentar preto de sete persoas, co seu acompañamento, salsa ou recheo.

Se por algo se caracteriza a Feira do Capón e por eses cestos cun produto moi coidado e demandado. Que se debe ter en conta? Vanesa explica que se limpan ben e van presentados coa "enxunlla", que é a graxa que ten o propio capón que se coloca por riba e "co que se ten que cociñar". Hai xente que merca para consumo propio en noiteboa ou fin de ano e xente que ten a tradición de "agasallar un capón", segundo di Vanesa que reivindica que igual que se regala unha caixa de percebes, pois por que non un capón? "Sae moito máis barato". 

NA MESA DE FERNANDO "NON FALTA O CAPÓN" EN NADAL

Presentación do capón na feira
Presentación do capón na feira | Fonte: Capón de Vilalba

Fernando Gacio é criador de capón e nesta edición da feira vai levar "35 unidades" dos 50 animais que criou. "Agardo que a feira sexa un gran éxito, como todos os anos". Recoñece que hai xente que non agarda ao propio evento, senón que merca con anterioridade, como os restaurantes ou a xente de fóra, a través de mensaxería. "Para a feira tamén hai que ter para que siga medrando", afirma Gacio. 

Cando lle preguntamos de onde vén a tradición de Vilalba cos capóns, di que segundo a lenda leva existindo máis de 200 anos, el leva 25 anos criando e considérao "algo de toda a vida". Unha tradición que se mantén, tanto para agasallar como para mandar a diferentes puntos da xeografía. No seu caso, este ano, ten moitos clientes que mercan para consumo propio e familiar e tamén demanda de fóra de Galicia. "Xente de Huelva, Madrid ou Zamora, que apostan polo capón", afirma. O prezo dos capóns están en 120 euros de media "para o que merca é caro, pero para o criador é un prezo moi honrado". 

Como che gusta comer o capón? Fernando confesa que non ten moita idea de cociña, pero que lembra unha ocasión na que se fixo a lume lento na cociña de leña e que era "espectacular". Por suposto, garda dos animais criados algún para consumo propio, ben en noiteboa ou en fin de ano: "o capón non falta na nosa mesa". E nas vosas? 

Cesta con capóns na feira
Cesta con capóns na feira | Fonte: Turismo de Vilalba
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta