A xunta de persoal do Concello de Ourense preocupada ante "cambios masivos" de persoal

O DOG publica o anuncio de que o consistorio municipal busca director de Recursos Humanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A xunta de persoal do Concello de Ourense lanzou un comunicado no que manifesta, de modo unánime, a súa "preocupación" por "os cambios masivos de persoal" que, di, afectan os servizos de Infraestruturas, Medio Ambiente e Urbanismo, especialmente.

Nunha nota de prensa, recrimina que se produce unha situación na que os traballadores desprazados dun servizo a outro "se atopan situados en corredores no mellor dos casos" e, noutros, "a espera de que se lles habilite un espazo para poder instalarse".

Así mesmo, critica que "se unha mudanza xa supón certa desorde, facer tres ou catro ao mesmo tempo fai que o resultado sexa un desastre". Engade ademais que cada cambio necesita un tempo para a súa adaptación, polo que "a nova situación apunta a un caos aínda maior". Por estes motivos, o persoal municipal pide "comprensión" á cidadanía polas molestias que se poidan ocasionar e 'sentidiño' aos responsables que "deron lugar a estas situacións".

Nesta liña, afea que "é evidente a falta de persoal", pero que a Oferta de Emprego Público de 2021 está sen executar "e tampouco lla espera", a do ano 2022 "perdeuse" e a do 2023 "vai polo mesmo camiño". Segundo os seus cálculos as baixas do ano 2022 e 2023 suman 50 vacantes. "Toda esta situación de desvestir un servizo para malvestir outro non implica unha mellor situación en canto á carencia alarmante de persoal. Ao camiño que nos leva é ao de privatizar ou a recorrer a asistencias técnicas tantas veces criticadas polo actual rexedor", lamenta a xunta de persoal do Concello.

PROCURA DE DIRECTOR DE RRHH

Así mesmo, o Diario Oficial de Galicia publicou este venres o anuncio de que o Concello de Ourense busca desde o mes de novembro director de Recursos Humanos, despois de que o pasado 22 de novembro aparecesen publicadas integramente as bases reguladoras do procedemento que rexe a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

Trátase da quinta vez en case cinco anos que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, busca persoa para a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Concello. O primeiro en asumir a tarefa tras recoller Pérez Jácome o bastón de mando foi Eduardo González Gil, que dimitiu en xaneiro de 2022 por motivos persoais. Tras el chegou María Álvarez Alvar, que presentou a súa dimisión en outubro dese mesmo ano despois de estar un tempo de baixa médica.

Desde entón fíxose cargo Francisco Cacharro, o coordinador xeral do Concello contratado por Pérez Jácome. Con todo, xa tiña demasiadas responsabilidades coas súas outras áreas e o alcalde puxo pouco despois a José Manuel Oliver, xefe do servizo de Xestión Urbanística, como director de Recursos Humanos en funcións.

Así, ata o pasado mes de novembro, xa que se acabou a prórroga. Agora a vacante será cuberta mediante o proceso de selección de libre designación que o Concello xa publicara o pasado mes de novembro. Os requisitos son que os aspirantes deben ser funcionarios de carreira do Subgrupo A1, ter un Grao en Dereito ou equivalente e coñecemento de lingua galega. Aqueles que cumpran esas condicións poderán presentar as súas candidaturas e finalmente será o alcalde quen decida, ao tratarse dun posto de libre designación. Hai un prazo de 15 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial do Estado.

Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo
Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta