Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2023 | Actualizada ás 14:14
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a garantir unha xestión forestal "eficaz" nos montes veciñais para aumentar o PIB un 1% e "xerar 120 millóns de euros para os comuneiros".
Besteiro, xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reuniuse co Padroado da Fundación Arume, dedicado á defensa do piñeiro e a explotación sustentable e eficaz dos montes galegos con esta especie.
Alí, tal e como trasladou o PSdeG nunha nota de prensa, Besteiro comprometeuse a cooperar co sector privado da silvicultura para xerar riqueza e exemplificou "o fracaso da xestión dos montes públicos por parte do PP", que nos últimos 30 anos "obtivo unha produtividade 10 veces inferior á que se obtén nos montes particulares".
Así mesmo, Besteiro destacou o sector forestal como "un dos alicerces do desenvolvemento rural de Galicia, xunto coa agricultura e a gandaría", e subliñou a importancia do uso produtivo do territorio a través dos pastos, cultivos e terras de labor, porque "protexe o monte dos grandes incendios forestais actuando como unha devasa natural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.