2023, ano do rexurdir do narcotráfico en Galicia: cada vez máis clans, máis produción propia e maior demanda

O segundo e o terceiro narcosubmarino, o primeiro laboratorio de produción autóctona de cocaína e as ducias de macroincautacións marcaron o ano que acaba de rematar. O xerente da Fundación contra o Narcotráfico de Galicia, Fernando J. Alonso, asegura que "hai que actuar xa, a nivel lexislativo e dotando de medios á policía e aos xulgados".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/01/2024 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

O narcotráfico sempre foi parte da paisaxe galega. Nos anos 80 os grandes capos da droga (Charlín, Oubiña, Sito Miñanco, Marcial Dorado e compañía) eran admirados e odiados a partes iguais polos galegos, bendicidos por aqueles aos que lles daban traballo e maldicidos por aquelas nais que vían como o seus fillos morrían de drogadicción. Semellaba que eses tempos xa pasaran e que, tras macrooperacións como a Nécora, o núcleo duro das organizacións xa se desmantelara e o narcotráfico en Galicia era cousa do pasado. Só de vez en cando se realizaba algunha que outra incautación duns cantos quilos de cocaína e moi poucas veces grandes alixos. Sen embargo, nos últimos anos a realidade saltou á palestra e deunos nos fuciños: o mando está nas mans doutras mafias, que actúan máis ao calado, pero que teñen maior presenza ca nunca no noso territorio. O 2023 foi un ano negro que así o demostrou.

Descarga de 2.000 quilos de cocaína dun pesqueiro que foi interceptado fronte ás Rías Baixas
Descarga de 2.000 quilos de cocaína dun pesqueiro que foi interceptado fronte ás Rías Baixas | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Xunto a Fernando J. Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, realizamos un repaso pola realidade actual e as grandes incautacións deste ano. "O 2023 foi un ano difícil e hai que destacar o gran traballo que fan as forzas e corpos de seguridade do Estado e os propios órganos xudiciais implicados na materia, aínda que vemos que co que estamos a facer non é suficiente para parar esta avalancha", lamenta Alonso, que recorda que "tivemos un ano tremendo cheo de novas a cada cal máis preocupante". Así, explica que "o ano comezou co narcosubmarino atopado nas rías galegas, o segundo que se atopaba (logo viría un terceiro), aínda que baleiro porque xa descargara a súa carga". Ao pouco tempo, "tivo lugar a feliz desarticulación dun laboratorio para a produción propia de cocaína en chan galego, o que supón un salto moi grande, porque Galicia pasa así de ser visto como lugar de tránsito da droga a lugar de fabricación da mesma".

Ao respecto, afirma que "este feito é moi importante, porque nos mostra que non se trata dun feito aillado, senón que xa hai unha tendencia a tratar de fabricar a droga dentro do mesmo mercado, o máis preto posible do mercado que a compra, neste caso o español e o europeo". Ademais, este experto tamén incide en que "despois tamén hai alixos incautados este ano case millonarios en quilos e que, aínda que debemos felicitarnos por telos atopado, tamén evidencian que estamos a sufrir unha auténtica avalancha, e que ese asedio de cocaína chega por terra, mar e aire". Por se isto fose pouco, hai que engadir "os estaleiros clandestinos de fabricación de narcolanchas, que non só operan para a propia Galicia, senón tamén para o sur de España, para a zona de Andalucía e do Estreito". "A suma de todo isto e os miles de quilos incautados de cocaína, principalmente, tanto en Galicia como con destino a Galicia, deixan ante nós un panorama realmente preocupante", conclúe Alonso.

"HAI QUE TOMAR DECISIÓNS PORQUE A AMEAZA É CADA VEZ MAIOR"

Preocupante porque a chegada de cada vez maiores cantidades de droga "aumenta o perigo para a seguridade e a saúde de todos". Nesta situación, o xerente da fundación está convencido de que "hai que tomar decisións, porque se a ameaza é maior, as medidas teñen que estar á altura, non podemos quedarnos como estamos, senón xa sabemos o que vai pasar, vamos ir a peor, evidentemente, porque os criminais nunca van deixar de tentar introducir a droga e, como vén que aínda lles está a funcionar o negocio, van seguir". Así as cousas, Alonso chama a atención sobre o "asentamento de numerosos grupos e bandas internacionais do narcotráfico que se están asentando en España e en Galicia para traficar directamente dende aquí, organizar os desembarcos dende aquí e toda a loxística que lles permite levar a droga ao resto de Europa". Por poñer un exemplo, cita aos clans balcánicos e de Europa do leste, que se suman ás xa coñecidas bandas latinoamericanas.

Bidóns con disolvente nunha vivenda onde se atopou un laboratorio de cocaína en San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade
Bidóns con disolvente nunha vivenda onde se atopou un laboratorio de cocaína en San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade | Fonte: Europa Press - Arquivo

Pero, por que 2023 foi un ano tan prolífico en arrestos con respecto aos anteriores? Será que durante un tempo cesou a actividade das bandas ou é que realmente neste ano concentráronse moitas operacións? Alonso ten claro que isto "é algo que estivo aí sempre, o que pasa é que levamos dous ou tres anos dun ascenso imparable de entrada de droga por España e Galicia en particular e, se de algo positivo serve isto, dentro de todo o negativo que ten, que é a inmensa maioría, é que a ninguén se lle vai ocurrir dicir que este problema xa pasara ou que é cousa do pasado, porque ás veces cando levantabamos a voz de alarma sobre esta situación había quen dicía que isto eran pequenos rescoldos do pasado, dun lume que xa estaba apagado, e non, para nada, nin moito menos, oxalá fose así, pero nin son rescoldos nin son propios do pasado, é algo que está moi vivo e nuns índice moi preocupantes".

"QUE MÁIS FAI FALTA PARA TER UN PLAN DE LOITA CONTRA O NARCOTRÁFICO?"

Por iso, non poden comprender que o narcotráfico non sexa unha prioridade na axenda política. "Pensamos: que máis ten que suceder para que Galicia teña un plan especial de loita contra o narcotráfico? Fagamos un antes de que sexa demasiado tarde, adaptado ás características de Galicia, porque dende logo temos que facer cousas e adoptar medidas contundentes", demanda Alonso, que pide "reforzar os medios para a policía, as aduanas e a garda civil, porque en xeral os planteis son escasos e, sobre todo no que respecta ás unidades antidroga, que sen dúbida precisan de máis personal; e tampouco hai que esquecerse dos xulgados, que precisan ser reforzadas e dotadas de máis medios e capacidade organizativa para resolver os centos de casos que lles entran derivados de operativos antidroga".

Neste senso, o xerente da fundación lamenta que "hoxe seguimos tendo un problema importante: unha macrocausa de narcotráfico moi complexa e difícil de instruír aterra nun xulgado de provincias ou dunha pequena localidad que ten que ademais resolver cuestión como divorcios, lindes de fincas e problemas, entre comillas, menores, polo que cando chega esta macrocausa bloquéalles completamente o xulgado". Por iso reclama máis medios para que as instrucións dos casos non tarden tanto tempo e os xuízos se produzan o máis axiña posible. Sexa como fose, "o narcotráfico e as drogas deben entrar na axenda política, porque as decisións que hai que tomar son de calado, de importancia, e entendemos que con todos estes datos e a realidade que estamos a vivir tense que abrir unha etapa nova onde haxa novos esforzos, novas estratexias e novas medidas de carácter lexislativo".

"É NECESARIA A REACCIÓN SOCIAL: A DROGA VÉN PARA SER CONSUMIDA"

Así, Alonso reitera que "hai que actuar políticamente, porque non nos serve que o narcotráfico e a loita contra as drogas sexa unha prioridade máis ou menos difusa ou establecida xunto a outras, pois ten que ter a máxima prioridade, xa que nos estamos a xogar moito en temas de seguridade e en termos de saúde". E é que en Galicia, lamenta que "semella que o narcotráfico forma parte da paisaxe, que cada certo tempo se incauta un super alixo de miles de quilos e se informa puntualmente, pero logo esquécese porque todos somos vítimas da actualidade, das présas desta sociedade que temos onde todo o de onte xa é antigo, xa é historia e xa non interesa". Neste punto, Alonso tamén fai un chamamento social: "É necesaria a reacción social ante esta problemática, porque o narcotráfico ten dúas patas principais sobre as que se sostén: unha é a oferta e outra é a demanda, e os narcotraficantes son uns criminais que non teñen o menor escrúpulo en lucrarse a costa da saúde das persoas".

"Dende logo non podemos esquecer que esa droga que traen é para un mercado que a compra e a consume", lamenta o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico. Neste senso, pide "revisar un pouco os modelos de ocio que temos na nosa sociedade, que pasan nalgúns casos pola exaltación do consumo de drogas coma unha forma de diversión". "A droga non vén para almacenarse nunha nave, sen máis, vén para abastecer o consumo e estar nas discotecas e pubs de media Europa e nas rúas, para cidadáns, homes, mulleres e, en ocasións, mesmo nenos que desgraciadamente a consumen e a pagan", explica Alonso, que pide poñer tamén o foco aí, "apostando pola prevención, por modelos de ocio saudables e que non pasen polo consumo de drogas". 

Narcosubmarino localizado a unha milla de Vilaxoán, no momento en que é izado por un guindastre nun varadero da Illa de Arousa
Narcosubmarino localizado a unha milla de Vilaxoán, no momento en que é izado por un guindastre nun varadero da Illa de Arousa | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

O capitalismo actual, o financeiro, tem como piares da sua existência: 1.- O narcotráfico. 2.- A trata de persoas (a prostituiçom). 3.- O tráfico de armas (a guerra). 4.- O petróleo. Todo o dinheiro que movem estas actividades se fai através das entidades financeira, nom vam com umha mala em máo cheia de quartos para fazer os pagos. Nada d’esto seria possível sem a convivência de determinados Partidos Políticos, que som a ferramenta de proteçom política do narcotráfico. Nom é casual que estes Partidos estejam financiados pola Banca. Lembremos a foto de Dorado-Feijóo