Por Galicia Confidencial | Allariz | 21/01/2024 | Actualizada ás 10:00
Conta atrás para o entroido, unha celebración que Allariz dará por iniciada o xoves día 8 co Día de Comadres. Dende as 20:30 h a Charanga Achicoria amenizará o ambiente das rúas.
Para os seguintes días, o Domingo de Entroido a charanga Char La Nota amenizará dende as 12:00 h ata as 14:00h e o luns 12 haberá actividades para todos os públicos. A Praza Maior acollerá a Festa Infantil dende as 17:30h coa Discomóbil Apocalipsis . Ese mesmo día, ás 21:30h terá lugar a Cachuchada no Campo da Barreira. Nos vindeiros días poranse a venda os tickets para asistir a esta xuntanza popular organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa. Ao rematar haberá pasarrúas da charanga Los Fujitivos dende a Barreira.
Poñendo remate ás festas, o Martes de Entroido ás 18:00 h. dará comezo o Baile de Entroido e o Concurso de Comparsas. Space Discomóvil será a encargada de amenizar a tarde festiva; e o mércores 14 terá lugar o Pranto de Entroido. A saída será ás 20:00h dende a Praza Maior e a queima do meco realizarase no Campo dos Brancos.
CONCURSO DE COMPARSAS
Ata o día 9 de febreiro está aberto o prazo de inscrición das comparsas, para participar no concurso. En palabras da organzación, "a orixinalidade, a elaboración e a escenificación do disfrace son os aspectos que o xurado valorará nas comparsas inscritas".
As comparsas, a partir de 10 compoñentes, poderán optar aos seguintes premios: 250€, 200€ e 150€ para os tres primeiros clasificados. Os premios entregaranse o martes 13 ás 20:00h durante o Baile de Entroido na Barreira.
Para obter máis información e facer inscricións dirixirse á Casa da Cultura no teléfono 988 440 859 ou a través do correo electrónico cultura@allariz.gal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.