Alertan de "intrusismo" de certas empresas "que só perseguen o beneficio" na economía social

ForoEsGal pediu máis apoio das administracións para o control.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2024 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O presidente do Foro pola Economía Social Galega (ForoEsGal), Celso Gándara, alertou do "intrusismo" de certas empresas que "se apropian" da denominación de economía social. Por este motivo, pediu máis apoio das administracións para o control das empresas que "só perseguen un beneficio económico".

"Necesitamos protexernos de malas praxes e de certo intrusismo á hora de apropiarse da denominación economía social como é o caso dos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou as fraudulentas empresas de inserción", declarou Celso Gándara na súa intervención no IV 'Almorzo con Aroma a Economía Social', que se celebrou este venres en Santiago.

Así mesmo, solicitou máis apoio para a creación e consolidación do sector que "ten a oportunidade de ampliar o seu peso na industria agroalimentaria, a industria cultural, a xestión de residuos ou as comunidades enerxéticas", sinalou o presidente deste foro de empresas de economía socual que, na actualidade, está constituído por ao redor de 5.000 entidades --case 25.000 persoas empregadas e máis de 74.000 persoas socias, comuneiras ou mutualistas--.

No evento, organizado por ForoEsGal, estiveron presentes representantes do PP, BNG, PSdeG e Sumar. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, inaugurou o almorzo cunha intervención para mostrar o seu apoio a este sector, que considera "vital".

Igualmente, interveu a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, quen destacou que as reformas que se puxeron en marcha nos últimos anos en Galicia supoñen un "proceso que continuará".

LEXISLACIÓN SOBRE ECONOMÍA SOCIAL

O presidente de ForoEsGal fixo referencia á segunda estratexia de economía social da Xunta, aprobada este xoves cunha consigna de 170 millóns de euros, así como á Lei Integral de Economía Social que acaba de entrar en tramitación parlamentaria.

"Tanto desde a patronal española como desde o Foro estamos preparados para facer a incidencia política necesaria para que estas lexislacións potencien ao noso sector", manifestou Celso Gándara, que tamén lembrou que segue pendente a modificación da lei de cooperativas, unha das súas "principais reivindicacións".

O presidente do Foro pola Economía Social Galega (ForoEsGal), Celso Gándara, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no IV 'Almorzo con Aroma a Economía Social'.. XUNTA DE GALICIA
O presidente do Foro pola Economía Social Galega (ForoEsGal), Celso Gándara, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no IV 'Almorzo con Aroma a Economía Social'.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta