Luis Alamancos, criminólogo: "A ciberdelincuencia cada vez é máis sofisticada e estanse a converter nun desafío"

As investigacións arredor dos delitos fan que moita xente confunda criminólogo con criminalista e con policía científica. Tratamos esta cuestión con Luis Alamancos, criminalista e criminólogo, para termos unha idea clara do que son as disciplinas profesionais que trata e aspectos relacionados con ambas materias. Todo isto porque existen mitos e falsas ideas arredor de toda a atmosfera arredor dos estudos sobre o crime, os e as criminais e as vítimas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 04/02/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

-Que estuda a criminoloxía e os criminólogos, que aspectos abordan cando tratan un crime ou un delicto?
A criminoloxía é unha materia multidisciplinar que recolle diversas materias, isto é, á parte dos estudos propiamente xurídicos tamén ten materias para o estudo do entorno criminal. Falamos, por exemplo, de psicoloxía en todas as súas variantes, de psicopatoloxía, socioloxía e materias propias de policía científica ou criminalística, é dicir, a parte máis científica da criminoloxía. Nesa área a nosa disciplina aporta moito, normalmente aos e ás alumnas que teño nas diversas cadeiras que imparto dígolles que moita xente se achega á criminoloxía como se fosen estudar para facer CSI, é dicir, criminalística. Realmente en criminoloxía estúdase unha parte moi pequena de criminalística. Por iso temos o Instituto de Criminalística Aplicada (INICA) onde formamos persoas en materias criminalísticas pois é certo que todos estudos de balística, incendio e dactiloscopia son pouco profundados nas facultades.

luis alamancos
luis alamancos

-Entón, cal é a diferenza entre criminoloxía e criminalística?
A criminoloxía é a matriz de onde vén todo. A criminalística sería a especialización en técnicas de policía científica. A criminoloxía nace nos anos 70 do século XIX con Lombroso e as súas teorías sobre a persoa delincuente e das que moitas delas están totalmente desfasadas, mais empezou os estudos serios en criminoloxía. No século XX Hans von Hentig publica O criminal e a súa vítima, daquela entra a vitimoloxía, pois naquel tempo a criminoloxía abordaba só ao delincuente mais a vítima estaba esquecida no binomio criminal mais hoxe en día este asepcto está superado. A criminalística comeza comeza no século XX cos estudos sobre as pegadas dactilares, isto foi un punto de inflexión. Logo Edmond Locard emite o seu principio, aínda usado no día de hoxe: cando o criminal chega á escena do delicto deixa algo e leva algo. Este principio de transferencia segue sendo aplicado nas técnicas criminalísticas. Por iso, a criminalística é a parte máis ligada ás técnicas de policía científica e ás técnicas. Fancendo unha comparativa coas series de TV, a criminoloxía sería Mentes Criminais, e a criminalística sería CSI.

A criminoloxía é unha materia multidisciplinar que recolle diversas materias, isto é, á parte dos estudos propiamente xurídicos tamén ten materias para o estudo do entorno criminal

-Actualmente existen moitas canles de Youtube onde se fala de crimes e os e as creadoras ás veces analizan eses crimes. Moitas veces esas persoas parecen crear análises que ao mellor poden crear confusión. Eu podo leer toda a literatura científica sobre criminoloxía, mais iso non me autorizaría para emitir conclusións.
Se falamos de autores destacados sobre perfilar criminais non podemos obviar a Robert Ressler, home ligado ao FBI e o programa VICAP de perfilación. Débese dicir que a arte de perfilar ten unha parte chamémoslle creativa, hai que xogar con diversos patróns, non é unha ciencia exacta, non son matemáticas, o mesmo que outras liñas da psicoloxía. Cando estamos facendo hipóteses tamén hai un punto de erro que pode ser moi pequeño dependendo da experiencia do perfilador mais non é algo infalible. Sobre persoas que se achegan á criminoloxía como afeccionados ou cun grande interese mais sen ter os estudos académicos e emitir conclusións criminolóxicas, eu distingo entre a xente quen se achega ao mundo da criminoloxía cunha visión máis científica e logo as persoas que o fan cunha visión máis sensacionalista. Este tipo de persoas poden facer dano se non teñen coidado coas súas declaracións pois detrás dun crime non está unicamente a vítima primaria, están tamén as vítimas secundarias, falamos de familiares que sofren. Por iso falo de ter coidado no momento de facer declaracións. A prudencia ten que ser fundamental na criminoloxía.

 A criminalística sería a especialización en técnicas de policía científica

Investigación da escena dun crime
Investigación da escena dun crime

-Cal sería o primeiro consello que daría a un xornalista que desexe introducirse no xornalismo de sucesos, ademais de estudar criminoloxía?
O primeiro consello é non quedar nunca cunha única fonte, buscar o maior número de fontes e o máis fiables posible, non fiarse da rumoroloxía e non dar nunca nada por feito. Isto último é importantísimo pois hai que ir á escena porque no mundo actual co ordenador xa temos información cun só click, é mellor pisar campo. No mundo da intelixencia chámanselle ás fontes humanas “humin”, e son fundamentais, débese falar con elas, contactalas, ir ao lugar dos feitos porque senón estamos perdendo moitas cousas. Se ao final, o xornalista só se basea en segundas ou terceiras fontes vai perder moito. É un exercicio de coller coche, facer quilómetros porque no mundo dos sucesos e dos xulgados hai que estar aí. Ir a moitos xuízos porque neste país hai moi pouca cultura de xuízos pois ao final todo remata aí. Ademais, temos un sistema xudicial que permite a proba contraditoria e iso é un tema importante. Como perito xudicial traballo para xulgados ou son contratado de maneira independente e ás veces estou de acordo cos informes policiais ou da Garda Civil e outras veces non estou de acordo. Entón é no xulgado onde se dirime a cuestión co fiscal e avogados das partes e a súa señoría. Se ademais hai un xurado, para min mellor moitas das veces, pois moitos e moitas deles non son expertos en dereito e iso obrígate a explicar o teu informe de maneira moito máis didáctica.

 A prudencia ten que ser fundamental na criminoloxía

-Vostede tamén é perito calígrafo e grafoanalista. Que aporta a análise caligráfica e realmente serve para a resolución de casos?
Estudei grafoloxía como grafoloxía forense, a rama que se ocupa das análises periciais grafolóxicas, logo está a documentoscopia que vai máis alá con estudo de tintas, papeis, medios de pagamento e outros aspectos. Isto é realmente importante e unha proba é que Policía e Garda Civil teñen os seus propios laboratorios para facer este traballo e aquí en Galicia o TSXG ten unha perito adscrita a este tema. O recurso aos perítos caligráficos realízase sobre todo en falsificacións, escritos aparecidos no lugar do crime, pintadas e  graffittis. Logo hai xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS), que foi un punto de inflexión, onde unha proba pericial grafolóxica, non caligráfica, onde se determina a personalidade da vítima, pois acabou sobrepoñéndose a unha proba pericial caligráfica. Isto foi no caso de Anne Permanyer, o crime sucedeu en Barcelona e o informe redactouno quen foi profesor meu, Francesc Viñals, e a conclusión foi que eses escritos foron asinados por unha persoa que estaba baixo forte presión antes de asasinala. Debemos poñernos no lugar desa persoa para imaxinar a presión e a forza coa que se escribiron as sinaturas. A policía non foi tan aló e a Audiencia de Barcelona condena aos sospeitosos, estes recorreron diante do Tribunal Supremo onde finalmente se ratifica a sentenza da Audiencia de Barcelona. Desta maneira podemos dicir que unha proba grafolóxica xa ten validez. Logo está a lingüística forense e a sociolingüística forense onde tamén podemos acoutar sospeitosos pola maneira en que escriben as mensaxes, algo de grande interese. Aí tanto ten que sexa un whatsapp, un correo electrónico e é unha proba forense de moito interese.

O primeiro consello é non quedar nunca cunha única fonte, buscar o maior número de fontes e o máis fiables posible, non fiarse da rumoroloxía e non dar nunca nada por feito

-Que elementos grafolóxicos delatan unha persoa baixo presión e outra que poida estar máis tranquila?
Hai moitos elementos para nomear, mais podemos dicir que os peritos grafólogos vemos unha gran cantidade de elementos morfolóxicos que se ven alterados nestas situacións, o mesmo que sucede co estado mental da persoa que escribe. Por tanto, falamos que non é a man quen escribe, é o cerebro. Falamos de situacións onde a man é o instrumento mais quen realiza a escritura é a actividade cerebral. Por todo isto, insisto en que é un elemento moi complexo construído con moitísimos items.

-Unha intelixencia artificial pode delatarse nun texto electrónico?
A intelixencia artificial enganou e leva enganando durante o tempo que leva de actividade a todos os expertos e programas existentes. Algún programa de análise para detectar IA en textos apuntaba que a constitución dos EEUU estaba escrita por intelixencia artificial, mais isto é cuestión de que estes programas aínda están comezando, con todo a tecnoloxía vai moi rápido. É un tema cun grande interese para min, aínda hai pouco finalicei un máster en intelixencia artificial para estar preparado ante o camiño que toman as cousas, mesmo souben dun programa que ten un índice de fiabilidade do 90% para detectar se estás diante dun texto creado por intelixencia artificial. O que debera asustarnos é como están subindo as probas dixitais, agora estanse enviando probas aos xulgados por sistemas dixitais. A intelixencia artificial vai ser moi boa en temas de manipulación dixital fotográfico, cada vez vai ser máis complicado. Dicía Chema Alonso, o director de Seguridade e Lóxica de Telefónica ademais de hacker cuns coñecementos moi amplos, que nunha conversa electrónica onde estás vendo a cara dunha persoa que está creada por intelixencia artificial existen pequenas microexpresións faciais que permiten saber se falas ou non cunha IA. Mais Alonso di que en dous anos iso xa será imposible e vanse abrir moitos elementos con dúbidas xurídicas, pois haberá imaxes de persoas que non existen ou será un humano suplantando a outra persoa, é dicir, ábrese un campo interesante e tamén desafiante.

 Algún programa de análise para detectar IA en textos apuntaba que a constitución dos EEUU estaba escrita por intelixencia artificial

-Isto significa que tanto os criminólogos como as forzas e corpos de seguridade do Estado necesitarán actualizarse continuamente.
Desde logo, porque a ciberdelincuencia evolúe a un ritmo pasmoso, cada vez é máis sofisticada e estanse a converter nun desafío constante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta