O Concello de Santiago habilitará dúas novas parcelas de aparcadoiro provisional para o CHUS

Estas prazas supoñen unha solución "urxente" e paralela ás obras do Centro de Protonterapia e da ampliación do complexo hospitalario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2024 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que o Concello habilitará dúas novas parcelas de aparcadoiro provisional para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Estas prazas supoñen unha solución "urxente" e paralela ás obras do Centro de Protonterapia e da ampliación do complexo hospitalario.

O Concello vai acondicionar aparcadoiros na Rúa Trece Rosas --á beira do aparcadoiro de Santa Marta-- e nunha parcela próxima ao Cimus que o goberno municipal ofreceu á Xunta para a construción dun aparcadoiro e que, agora, preparará provisionalmente como prazas de aparcadoiro.

A primeira das parcelas contará con 150 prazas dun cociente de 30 metros cadrados por praza coa finalidade de facilitar os accesos e a mobilidade as cales, segundo a alcaldesa compostelá, suporán un investimento de 40.000 euros. A parcela próxima ao Cimus conta cunha superficie de 3.000 metros cadrados que, tras traballos de roza, escavación, limpeza e asfaltado, poderá albergar entre 100 e 120 coches. O Concello estima 27.000 euros para estas actuacións.

As prazas, que se atopan a 800 e 150 metros do CHUS, serán gratuítas e de acceso libre. Con todo, Goretti Sanmartín apuntou que se vixiará co fin de que haxa rotación e non se convertan en aparcadoiros de longa estancia.

COLABORACIÓN COA XUNTA

A alcaldesa compostelá tamén considerou "unha pena" que "tendo posibilidades e fondos", e ao mesmo tempo que se fan as obras, a Xunta "circunscriba unicamente o tema á parcela sanitaria" e non se inclúa a parte de desenvolvemento da contorna.

"Utilizan un procedemento excepcional para non someterse ao plan municipal, co que superan a edificabilidade permanente", manifestou Sanmartín.

Así mesmo, a rexedora mostrouse "á espera" de que a Xunta envíe unha proposta por escrito para analizala, dado que considera que "nin a cantidade é inamovible nin o proxecto está pechado".

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, nunha rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, nunha rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta