Centenares de avogados e procuradores da quenda de oficio reclaman "condicións dignas": "Seguiremos loitando"

Demandan tamén a activación dunha pasarela ao Reta de inmediato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2024 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Centenares de avogados e procuradores da quenda de oficio manifestáronse este venres polas rúas de Santiago de Compostela convocados polo Sindicato de Avogados e Procuradores Venia Advocatum Unio e a Plataforma Marea Negra Galicia para reclamar "condicións dignas" e advertiron que manterán a folga e que seguirán loitando.

A marcha partiu da rúa do Hórreo, fronte ao Parlamento de Galicia, e desviouse pola rúa de Ramón Piñeiro para a continuación subir pola rúa Eduardo Pondal, onde se sitúa o Colexio de Avogados. Precisamente, a coordinadora da folga en Ourense e portavoz de Marea Negra, Aline Castro, asegurou que os colexios "son parte do problema", xa que, denunciou, "non defenden ao colectivo". "Pero non o fan porque hai intereses contrapostos. Non esperamos a súa axuda", aseverou en declaracións aos medios.

Castro explicou que o servizo de quenda de oficio "funciona moi ben", pero os profesionais "xa non o poden soster máis". "Non é que non nos paguen moito, é que ás veces pomos diñeiro do noso peto", explicou.

E é que, segundo ha ejemplificado, estando de garda poden chamalos un sábado ou un domingo para asistir a unha persoa en comisaría, pagar a gasolina, "desprazarse as veces que faga falta" e, en ocasións, se non lle conceden a xustiza gratuíta, son os propios avogados os que "teñen que perseguilo para pedirlle unha minuta".

PASARELA AO RETA

Ademais, os manifestantes tamén reclaman a activación dunha pasarela ao Reta de forma inmediata para todos aqueles profesionais "atrapados nas mutualidades de avogacía e procura que, se ninguén o remedia, verán como, tras cotizar toda a súa vida laboral, percibirán pensións inferiores á contía dunha prestación non contributiva".

Neste sentido, Aline Castro lamentou que estar na mutua "era obrigatorio" e senten "enganados". Por iso, apuntou que "todo é vontade política". "O noso diñeiro está aí, non pedimos esmolas, estamos atrapados nunha situación que foi realmente unha estafa e ten unha solución moi sinxela. Fixérono con outros colectivos como notarios ou curas, hai posibilidades de facelo e de facelo rápido. É simplemente falta de vontade política", censurou.

Tamén Carlos, avogado da quenda de oficio que exerce en Ribeira, sostivo que hai compañeiros que se están xubilando aos que a pensión "non chega a 500 euros".

ADMINISTRACIÓNS

Así mesmo, Aline Castro expuxo que o Goberno central pode "regular" os dereitos dos profesionais da quenda de oficio "nunha norma xurídica básica, cun estatuto propio do avogado da quenda de oficio con dereitos" e "non só obrigacións".

En canto á Xunta, Castro explicou que da administración autonómica "dependen os orzamentos" cos que pagar "todas as actuacións" que desenvolven "xusta e dignamente". "Non ten ningunha xustificación para lavarse as mans e non empezar a traballar niso", engadiu.

Avogados e procuradores da quenda de oficio maniféstanse polas rúas de Santiago de Compostela.
Avogados e procuradores da quenda de oficio maniféstanse polas rúas de Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta