Gómez Noya, bronce no Mundial Ironman 70.3

O triatleta ferrolán, afectado esta semana por un virus, non pode revalidar o título do 2014 e tras remontar na carreira a pé remata terceiro por detrás dos alemáns Jan Frodeno e Sebastian Kienle.

Por gcdeportes | Compostela | 30/08/2015 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

Aínda con tres días enfermo na cama por un virus e nunha distancia que non é a súa, Javier Gómez Noya está ao nivel dos mellores triatletas do mundo. Tras unha semana complicada despois da proba de Estocolmo, o campión galego acudiu a Zell am See (Austria), no primeiro Mundial Ironman 70.3 disputado en Europa, para defender o título acadado en Canadá no 2014. Non puido ser: o ferrolán perdeu as súas opcións sobre a bicicleta (onde cedeu máis de cinco minutos) e trala remontada na carreira a pé foi terceiro por detrás dos alemáns Jan Frodeno, que acadou o seu primeiro título, e Sebastian Kienle, campión en 2012 e 2013.

Javier Gómez Noya, na última proba das Series Mundiais en Estocolmo.
Javier Gómez Noya, na última proba das Series Mundiais en Estocolmo. | Fonte: @triathlonlive

A proba foi rápida dende o principio. Nos 1,9 quilómetros de natación, desta volta con neopreno, Gómez Noya estivo sempre en cabeza e afrontou a T1 na primeira posición, co gran favorito, Jan Frodeno, ao seu carón. Pero sobre a bici, o galego, que probou unha Specialized distinta á das Series Mundiais, sufriu o dominio alemán, con ata seis ciclistas nos seis primeiros postos. Andreas Dreitz, Frodeno e Andi Boerecher fóronse en cabeza, e Gómez Noya foi perdendo tempo e posicións, máis tralo porto de montaña con dous quilómetros moi duros. Despois dos 90 quilómetros, Andreas Dreitz foi primeiro na T2, seguido por Jan Frodeno a 45 segundos. Gómez Noya entrou con preto de 5 minutos perdidos, máis dos que tiña previstos e que o deixou sen opcións de vitoria para a carreira a pé.

Axiña Frodeno púxose en cabeza, pero axiña tamén Gómez Noya comezou a remontar, subindo á quinta posición, correndo dous o tres segundos máis rápido que o líder, que lle sacaba 4:40. Un espectacular Gómez Noya marcou os mellores tempos nos 21,1 quilómetros de carreira a pé, amosou a súa clase e foise achegando ao podio. Na liña de meta, Jan Frodeno chegou en solitario para proclamarse campión do Mundo Ironman 70.3 cun tempo de 3h:51:19, seguido por Sebastian Kienle, prata, e Javier Gómez Noya, bronce a 3,46 do gañador. "No ha sido mi mejor día. Sin energías desde el principio, luché y sufrí muchísimo para conseguir la 3ª posición. Gracias por los ánimos!", comentou o galego no seu twitter.

Sen tempo para laiarse, o campión galego afrontará agora as dúas últimas probas das Series Mundiais: a vindeira fin de semana en Edmonton (Canadá) e a gran final de Chicago dentro de tres semanas. Gómez Noya, líder provisional, é o favorito para acadar o seu quinto título mundial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta