Sabes cales son os 13 concellos nos que o BNG gañoulle ao PP o 18F?

O Bloque revalidou en varios concellos pero gañou noutros.

Por Amanda Fernández | Compostela | 22/02/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Foron trece os concellos galegos nos que o BNG de Ana Pontón foi o partido máis votado en detrimento do PP ou do PSdeG. Chamou especialmente a atención o caso de Vigo, pero imos facer un repaso en comparación cos anteriores comicios de 2020 e 2016 en cada un dos concellos. Repartidos nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, xa que en Lugo non conseguiu gañar en ningún. 

Así é o mapa do voto nos concellos galegos nas eleccións do 18F
Así é o mapa do voto nos concellos galegos nas eleccións do 18F

Na provincia de Ourense, o Bloque gañou en Allariz onde subiu 3,46 puntos en comparación con 2020 cando tamén era a forza máis votada. Despois está o Partido Popular que tamén experimentou unha lixeira subida de votos, pero que en 2016 ocupaba o primeiro lugar. Os socialistas baixaron en 3,54 puntos e xa era a terceira forza nos comicios anteriores. En Vilar de Santos, o BNG subiu 23,20 puntos (317 votos en 2024 polos 155 de 2020) e o PP baixou en número de votos, así como o PSdeG e destaca a incursión de Democracia Ourensá. O último concello ourensán é Verea, onde os nacionalistas sacaron 333 votos polos 55 que tiveron nos comicios de 2016. Tanto populares como socialistas perderon votos, máis notable na formación de Besteito e destaca Vox como cuarto partido máis votado seguido de DO. 

EN PONTEVEDRA MÁIS ALÓ DA SORPRESA DE VIGO

O caso de Vigo non deixou a ninguén indiferente, o Bloque conseguiu ser a forza máis votada cunha diferenza sobre o PP de 2.810 votos e nos comicios de 2020 situábase como terceira opción. Os populares perderon o primeiro posto na cidade olívica pero experimentaron unha subida en votos de 2,67 puntos, mentres que os socialistas baixaron 11,92 puntos na cidade rexida por Abel Caballero. Está é a baixada máis destacada de todos os concellos onde gañou o BNG e deixou de ser a segunda forza. 

En Catoira tamén mudaron de forza máis votada con respecto ao 2020, do PP ao BNG, aínda que os populares experimentaron unha leve subida. O PSdeG repite como terceira forza, pero baixa en 6,25 puntos. En O Grove, o BNG subiu 10,61 puntos e segue como forza máis votada (no 2020 gañaba por poucos votos e no 2016 era a cuarta). Os socialistas baixan 7,85 puntos e os populares consiguen subir. 

Tanto en Cangas como en Moaña, o Bloque ascende en máis de 10 puntos e consegue arrebatarlle a primeira praza ao PP que tiña desde o 2016 en ambos concellos. Se ben é certo, que en Moaña perdeu votos e en Cangas gañou. O que teñen en común é o descenso dos socialistas que xa eran a terceira forza en ambos nos comicios anteriores. 

En Soutomaior, o Bloque volve a ser a forza máis votada como en 2020 e continua subindo. O PP tamén experimenta un ascenso e quedou coa segunda praza, mentres que o PSdeG revalida a terceira posición e experimenta a maior baixada. E xa o último concello, sería Redondela onde o BNG arrebatoulle a primeira praza ao PP e subiu 11,66 puntos e era no 2016 a terceira opción. Os socialistas tamén baixaron considerablemente e Vox aumentou. 

NA CORUÑA GAÑOU DOUS NOVOS CONCELLOS 

O Bloque gañou en Corcubión, onde xa nos pasados comicios de 2020 fora a forza máis votada por diante do PP. No 18F repetiuse o mesmo escenario, pero subindo en 8,49 puntos. Os populares tamén experimentaron un leve ascenso, mentres que os socialistas caeron en ata 8,05 puntos e continúan sendo a terceira forza. Se nos remontamos á cita coas urnas de 2016 era o PP quen tiña máis votos, seguido do PSdeG.

Nesta provincia, o BNG conseguiu ser a forza máis votada en dous concellos onde non o fora nas pasadas eleccións de 2020. É o caso de Fene, onde subiu 6,90 puntas e pasou de ser a segunda forza á ser a máis votada. Pola contra, o PP baixou aos 2.486 votos polos 2.363 de 2020. O PSdeG manten o seu terceiro posto, pero baixa 2,98 puntos. O outro concello é Mugardos, onde o Bloque tivo unha subida considerable de 11,64 puntos que lle permiten estar no máis alto, onde en 2020 estaba o PP, que baixa en 3,96 puntos. Ao igual ca no caso de Fene, os socialistas seguen na terceira praza e con votos de diferenza. 

En conclusión e a modo de repaso, o BNG conseguiu seguir sendo a forza máis votada nos concellos de Corcubión, Soutomaior, O Grove, Verea e Allariz, como en 2020. Aquí a cousa non cambiou, pero nos outros oito concellos, o partido de Ana Pontón quitoulle ao PP a primeira praza: Vilar de Santos, Catoira, Cangas, Moaña, Redondela, Vigo, Fene e Mugardos. Nos concellos de Ourense destaca a irrupción de Democracia Ourensá e nos de Coruña e Pontevedra, Sumar sitúase como cuarta forza seguida de Vox, agás en Soutomaior que é ao revés. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GALEG-ON

Bravooooo