Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2024 | Actualizada ás 12:13
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores a inclusión dun novo barco histórico no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, unha base de datos integrada no Censo do Patrimonio Cultural que forma parte das medidas de salvagarda da Xunta para garantir o legado das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.
Trátase dun barco histórico clásico construído en 1972 denominado 'Ocean Falcon', que está inscrito no Rexistro de buques e embarcacións históricas e forma parte dun tipo de construción que deixou de producirse ou é practicamente inexistente, con porto base en Galicia.
Tal e como establece o decreto de declaración de Ben de Interese Cultural, este tipo de bens deben ser anotados no censo correspondente para o seu coñecemento e difusión, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección.
BARCOS HISTÓRICOS
Poden ter a condición de barcos históricos, tanto na categoría de barco clásico como na de barco de época, aquelas embarcacións cun carácter singular e único que acrediten un valor avalado. Para poder estar incluído, é necesario enviar unha solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, onde as embarcacións son avaliadas en cuestións como a antigüidade, a autoría ou a correspondencia cos modelos tipológicos. Finalmente, estímase ou desestima a solicitude e notifícaselle ás persoas interesadas.
TÁBOAS DE EVALUCIÓN DOCUMENTAL
Doutra banda, o DOG tamén publicou a aprobación das táboas de avaliación documental das series documentais do patrimonio documental de Galicia procedentes das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.
Estas series documentais son exames e outras probas documentais de avaliación académica e expedientes de provisión de postos de traballo do persoal de administración e servizos funcionario mediante concurso de méritos.
Ademais, estas táboas de avaliación documental das mencionadas series deberán publicarse no DOG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.