Compre non confundir o touciño coa velocidade

"Se son o que teño e o que teño pérdoo, entón quen son?" Erich Fromm

Por Fermín Paz | As Pontes | 26/02/2024

Comparte esta noticia
A miúdo quen fai artigos de opinión precisa botar man, entre outras cousas, dalgunhas figuras literarias. A metáfora dá moito xogo político cando consegue polarizar o debate a favor ou en contra das diferentes alternativas. "Desta vai" non foi porque a fixación do campo de xogo, como dixen noutro artigo, o interese do cambio era máis de Sánchez que dos de aquí. O do "Agora" vai ter que seguir na sala de espera ata que o común volva a ser o verdadeiro protagonista. E a "Galicia que funciona" aínda que sexa daquela maneira, segue a peneirar  votos con  marxe e suficiencia. Cando estou dándolle unha volta a estas cousas, aínda non se recontou o voto exterior e o PP tiña unha liña de vida ou salvación no sistema de ancoraxe chamado DO, no caso de necesidade para a supervivencia no poder.
 
Gañou a "continuidade" do Partido Popular. Todo o demais pasa a un segundo plano. Sei que o resultado non ten as mesmas consecuencias no BNG que no PSOE, mais o vencedor foi o PP. Xa que logo, convén facer unha análise racional dos resultados que permita, aos partidos e organizacións políticas, deixar as lerias da campaña e pasar a outro tempo coa toma das decisións tendendes a corrixir, mudar ou manter  a estratexia, segundo o seu mellor criterio.
 
Teñen 4 anos por diante. Non sei o que farán, mais sería  bo que fixeran unha boa lectura. Compre deixarse de trampulladas e non extrapolar os resultados a outros procesos; compre entender que o corpo electoral ten moitos vasos comunicantes en cada unha das convocatorias; compre non ser oportunista facendo xuízos e críticas  á lei electoral, cando non se fixeron antes propostas para mudala; compre non deixarse levar polo electoralismo como practica, porque é un camiño con pouca consistencia e percorrido ; en fin,  compre non confundir o touciño coa velocidade, no manexo axeitado do Ser e do Estar.
 
Os resultados teñen sempre moita dependencia da coxuntura, do Estar. O seu asentamento ou mellora, depende da estrutura, do facer, do Ser.  Non vou ser moi creativo nas miñas conclusións.
 
Os socialistas van ter que adicar ben tempo a resituarse, tanto no referente aos casos xudiciais que de novo están a xurdir, como na obriga dunha redefinición do seu españolismo federalista, co mesmo liderado ou con outro. Os populares, conformarán con que Madrid siga sendo o motor para acadar os seus obxectivos confesables, baseados no conservadorismo do mito español e na necesidade dunha dereita unida  construída coas diferentes familias ideolóxicas da dereita e do sucursalismo e, de novo, dispostos ao consenso español proeuropeista e atlantista. O nacionalismo galego debe aproveitar o apoio acadado para ter máis amplitude organizativa, reforzándose con sosego e ánimo, descontaminándose do alleo e dos que xamais van axudar na Galiza a cumprir cos seus obxectivos estratéxicos, desconfiando de calquera louvanza que veña do españolismo porque sempre foi e será unha perdición.

Varias persoas realizan un escrutinio de votos con motivo das eleccións autonómicas de Galicia
Varias persoas realizan un escrutinio de votos con motivo das eleccións autonómicas de Galicia | Fonte: Adrián Irago
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.