Por Galicia Confidencial | Allariz | 01/03/2024 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz vén de presentar as XX Xornadas para a igualdade baixo o lema “Polo logrado, polo que queda, pola igualdade”, avalando o compromiso local coa igualdade de xénero. Días atrás, Tania Álvarez e Cristina Outeiriño, concelleira de Benestar Social e técnica de igualdade presentaban as as actividades organizadas para este 2024. Desenvolveranse do 8 ao 17 de marzo cunha variada programación de eventos e actividades destinadas a promover a conciencia sobre os desafíos e avances no camiño cara á igualdade de xénero.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
Aproveitando o Día Internacional da Muller o 8 de marzo haberá unha concentración e manifesto institucional para a igualdade na Praza Maior de Allariz ás 12:00h na que están convidados a participar todos os colectivos de Allariz.
A fin de fomentar a reflexión sobre os roles e desigualdades de xénero, o sábado 9 de marzo ás 20:30 h na Casa de Cultura haberá un monólogo a cargo de Bea Campos titulado “Marcho que teño que marchar”. A obra relata secretos sobre a súa familia mentres cociña, bebe e traballa entre cancións, coplas e conxuros. A entrada é de balde e para público adulto.
As crianzas tamén terán o seu espazo co contacontos “Príncipas e princesos” o sábado 16 de marzo ás 18:00 h na Casa de Cultura. Este evento, dirixido a nenos ata os 10 anos, ofrecerá contos que promoven a igualdade de xénero.
A solidariedade tamén será protagonista coa II Carreira-andaina Solidaria pola Igualdade o domingo 17 de marzo ás 11:30 h, con saída dende a Praza Maior. Ademais de promover o deporte, esta actividade tamén busca recoller alimentos para Cáritas Allariz. Para participar nesta actividade cómpre inscribirte no teléfono 988 55 40 59, enviando unha mensaxe por WhatsApp ao 683 61 46 91, ou escribindo ao correo electrónico igualdade@allariz.gal . Hai de prazo ata o 15 de febreiro ás 14:00h para anotarse ou ben formalizar a inscrición o propio día da carreiras antes das 11:00h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.