Medalla de Ouro da cidade de Santiago para Tereixa Navaza e Luís Pasín Noya

Os recoñecementos serán aprobados no pleno municipal de febreiro que terá lugar este xoves 29 de febreiro. Ademais, decidirá a designación como fillos predilectos de Santiago a Aurora (Aurichu) Pereira Carballo a título póstumo e de Ezequiel Méndez Vidal; e como fillos adoptivos a José Porto Buceta e a título póstumo a Manuel Quintáns Suárez. Ademais, o concello porá o nome de Luís Rial Suárez a unha rúa da cidade e instalará unha placa no seu recordo nun espazo público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2024 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago distingue coa Medalla de Ouro da cidade á xornalista Tereixa Navaza González e ao pintor Luís Pasín Noya, recoñecementos que serán aprobados no pleno municipal de febreiro que terá lugar este xoves 29 de febreiro. Ademais, decidirá a designación como fillos predilectos de Santiago a Aurora (Aurichu) Pereira Carballo a título póstumo e de Ezequiel Méndez Vidal; e como fillos adoptivos a José Porto Buceta e a título póstumo a Manuel Quintáns Suárez. Ademais, o concello porá o nome de Luís Rial Suárez a unha rúa da cidade e instalará unha placa no seu recordo nun espazo público.

CONSELLO ASESOR DE CONDECORACIÓNS

Na reunión do pasado 31 de xaneiro, o consello asesor de condecoracións acordou que se trasladasen as concesións de honra, títulos e distincións para sete figuras relevantes en diferentes ámbitos e cunha vinculación por nacemento ou residencia con Compostela. Desta maneira, tras o visto e prace da corporación municipal, o Concello recoñecerá a traxectoria profesional do pintor Luís Pasín Noya e da xornalista Tareixa Navaza con senllas Medallas de Ouro.

A pintora Aurora (Aurichu) Pereira Carballo recibirá o título de Filla Predilecta a título póstumo, honra que tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal. O párroco José Porto Buceta e o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo serán nomeados Fillos adoptivos da cidade e o Concello colocará unha placa e porá o nome dunha rúa ao histórico xornalista radiofónico Luís Rial Suárez, falecido este mes de xaneiro.

Segundo se recolle no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago, os títulos de fillo ou filla predilecto poderanse outorgar a persoas que "destacasen polos seus méritos ou cualidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico" ou por servizos prestados en beneficio da cidade, nacidas no concello ou fóra no caso dos fillos predilectos adoptivos.

En canto ao nomeamento das rúas, o regulamento dispón que lle corresponde ao pleno da corporación outorgar as vías municipais ou establecementos, centros ou instalacións do concello o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo da corporación, reúna "méritos suficientes sexa por servizos e actividades especiais realizadas a favor da cidade no caso de organismos, institucións ou entidades" ou por "a relevancia indiscutible no ámbito científico, cultural, artístico, deportivo ou social no caso das persoas físicas".

Cubertas do pazo de Raxoi que se substituirán con obras
Cubertas do pazo de Raxoi que se substituirán con obras | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta