Pontón sobre o documento elaborado polo secretariado político UPG: "Os valores que definen o BNG son asumidos por todos"

Nese documento, que publicou na súa web oficial e difundido a través da súa rede social X, a UPG, entre outras cuestións fala do éxito electoral do 18 de febreiro, desenvolvido nunha "campaña cun alto grao de presidencialismo" que "funcionou adecuadamente como estratexia de captación de voto".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a formación que lidera é "plural, coral e asemblearia" e, neste sentido, dixo que se "alegra" de que estas teses "sexan asumidas por todos", porque son "grandes valores" que definen esta organización política e que ela defende. Desta maneira, Pontón aplacou calquera interpretación crítica que se poida extraer do documento elaborado polo Secretariado Político da UPG (organización hexemónica do Bloque e da que ela mesma é militante).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional | Fonte: BNG

Nese documento, que publicou na súa web oficial e difundido a través da súa rede social X, a UPG, entre outras cuestións fala do éxito electoral do 18 de febreiro, desenvolvido nunha "campaña cun alto grao de presidencialismo" que "funcionou adecuadamente como estratexia de captación de voto".

Con todo, engade que "o debate político debe aclarar que iso non pode supor nin relaxar os procedementos internos colectivos na toma de decisións nin renunciar, nin moito menos, a trasladar unha imaxe pública cada vez máis coral e plural (como aconsellan os inimigos e adversarios tradicionais do nacionalismo), abandonar os postulados políticos do nacionalismo popular para ser "máis transversais".

Pontón lembrou que hai poucos días celebrouse o Consello Nacional do BNG (máximo órgano de decisión entre asembleas) no que se fixo unha avaliación por unanimidade e que se concluíu que se fixo "unha espléndida campaña na que se conseguiu un resultado extraordinario". "O que temos é unha valoración unánime respecto diso de que o BNG está no mellor momento da súa historia e que temos unha posición na que conseguimos romper e superar todos os resultados anteriores e que nos sitúa con claridade como alternativa ao PP", apuntou.

"CORAL, PLURAL E ASEMBLEARIA"

Por iso, dixo que se "alegra" de que estas "teses que sempre vén defendendo nesta organización sexan asumidas por todos", porque, ao seu xuízo, "un dos grandes valores que ten o BNG é que é unha organización plural, coral e asemblearia". "Sempre foi así e vaino a seguir sendo no futuro. E, desde logo, creo que esa é unha liña na que sempre temos que seguir traballando e, desde logo, son a primeira que levo propondo ao longo destes últimos meses na organización e creo que son aspectos, ademais, que nos unen a todos e unha das grandes fortalezas que ten a organización", salientou.

Pontón tamén defendeu que a "razón de ser no BNG é ser nacionalista" e que ela "non entende" a política "sen principios". "Creo que cando unha organización se baleira de principios, deixa de ter sentido para a sociedade e, por tanto, é coma se dicímoslle a outros que deixen de defender as súas ideas. Creo que o BNG demostrou que desde os seus postulados, ideas e programa ten capacidade para chegar a sectores moi amplos da sociedade", apuntou, para referirse, de novo aos resultados das últimas autonómicas. Neste sentido, sinalou que é desde aí "precisamente desde onde hai que seguir traballando, avanzando e conquistando ese obxectivo" que, para o BNG, é "clave" e que é "a hexemonía política".

FELICITACIÓNS POLA CAMPAÑA

Preguntada por se sente emendada, Pontón insistiu en que acaba de celebrarse un Consello Nacional no que "o único que escoitou foron felicitacións polo traballo realizado neste últimos catro anos" e no que todos coincidiron "que se fixo unha gran campaña" e no que se "felicitou a todas e cada unha das persoas que participaron nela". "Porque isto é un mérito colectivo e, por tanto, de calquera militante de base e de todas as persoas que o fixeron e esa é a valoración que todos escoitamos", afirmou Pontón, quen volveu a destacar o asamblearismo da organización e que ela é "unha militante máis".

"O gran valor que temos como BNG é que temos unha gran organización con miles de persoas traballando no país e eu o que sentín, o que escoitei é que todos estamos satisfeitos e orgullosos da campaña que fixemos e satisfeitos e orgullosos do traballo que realizamos", manifestou, mesmo, que "o BNG está nunha posición inmellorable para conseguir un gran salto adiante para seguir avanzando neste país". "O que vexo é que as teses que veño defendendo nesta organización son asumidas por todos. Por tanto, estou moi contenta co resultado, coa situación que ten o BNG e moi contenta con todas as opinións que escoitei ao longo destes días", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta