O 'non' do PP aos obxectivos de déficit fará perder 140 millóns aos municipios galegos segundo a FEGAMP

Esta perda supón case a mesma cantidade que a Xunta destina ao financiamento dos concellos galegos a través do Fondo De Cooperación Local, sumando a parte xeral e a condicionada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, denunciou este xoves que a decisión do PP, facendo valer a súa maioría absoluta no Senado, de 'tombar' os obxectivos de déficit do Goberno, fará perder aos municipios galegos uns 140 millóns de euros.

Así, Varela denunciou que o PP converte aos concellos en "reféns da súa estratexia de desgaste ao Goberno de España" e cualificou como "incomprensible" que os 'populares' aboquen aos municipios a "padecer maiores dificultades aínda na súa xestión económica".

A negativa do PP no Senado, lembrou o presidente da FEGAMP, fará perder case 3.000 millóns de euros de capacidade fiscal ao conxunto das entidades locais de España, e 140 millóns aos municipios de Galicia.

Deste xeito, "queda claro, pola vía dos feitos" que o PP prefire aumentar as dificultades de xestión en servizos esenciais que prestan os concellos, en lugar de traballar na mellora da súa capacidade económica, sendo a administración pública "peor financiada".

Segundo destacou, eses 140 millóns de perda estimada "grazas á decisión dos senadores e senadoras do PP", supoñen case a mesma cantidade que a Xunta destina ao financiamento dos concellos galegos a través do Fondo De Cooperación Local, sumando a parte xeral e a condicionada.

Por iso, advertiu Alberto Varela, "en breve comezarán a notarse os efectos desta incomprensible decisión" en concellos que "xa tiñan os deberes feitos de ter aprobados os seus orzamentos de 2024" e que agora terán que realizar os axustes necesarios para manter o 0,2 % do PIB de superávit, fronte ao 0 % recolleito na proposta que foi rexeitada na Cámara Alta.

PONTEVEDRA E VIGO

O grupo municipal do PSOE no Concello de Pontevedra denunciou que a negativa do PP suporá a perda de algo máis de 5 millóns para esta cidade e o seu portavoz, Iván Puentes, afeou á senadora pontevedresa 'popular', Pepa Pardo, que "traizoe aos veciños" sumando o seu voto a ese rexeitamento á senda de déficit.

"A primeira vez que tivo que elixir entre defender os intereses dos veciños de Pontevedra e os intereses de Feijóo e Ayuso, vendeu a esta cidade, vendeunos a todos os veciños, por medrar no seu partido e á conta de que os seus veciños teñan 5 millóns menos para atender ás súas necesidades", censurou Pontes.

En Vigo, o seu alcalde, Abel Caballero, tamén denunciou nas últimas horas as consecuencias que terá a decisión do PP na cidade olívica. Segundo o rexedor, dita decisión supón que os 'populares' "lle quitan a Vigo 18 millóns de euros", e anunciou a convocatoria dun pleno extraordinario para esixir ao PP que se situar e explique o voto dos seus senadores.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa | Fonte: Fegamp.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta