Outono electoral no sur de Europa

O día 20 en Grecia. O 27 en Catalunya.E o 4 de Outubro en Portugal.Nas vindeiras tres semanas van ter lugar citas electorais moi relevantes no sur de Europa.

Por Xesús Veiga | Compostela | 16/09/2015

Comparte esta noticia
Os tres países teñen tradicións, estruturas e dinámicas políticas suficientemente diferenciadas como para pretender unha análise lineal e indiferenciada dos factores que van condicionar os resultados das urnas.Poren, cabe identificar un elemento común presente nas tres consultas:a incertidume sobre o peso que terá a posición das elites dominantes da UE no comportamento final dos tres electorados.En Grecia e Portugal, as decisións da “troika” teñen sido determinantes na evolución económica e social dos últimos anos e alteraron os vectores habituais nos que se desenvolvía a confrontación entre as distintas forzas políticas.No caso de Catalunya, a singularidade destas eleccións ao Parlament (coñecer o volume de persoas favorábeis e contrarias a unha futura independencia) revaloriza notabelmente a incidencia que poda ter nos votantes do 27-S a posición que manteñen as institucións da UE e o propio goberno alemán.
De xeito mais tácito que expreso, a presión sobre os corpos electorais xa está formulada:vostedes poden votar o que queiran pero se desexan seguir no club selecto residenciado en Bruxelas non deberán apoiar aquelas opcións que non gozan da total aquiescencia dos poderes fácticos comunitarios.Esta foi a lóxica que se aplicou en Grecia a partir do triunfo de Syriza no pasado xaneiro e, agora, é a que pendura sobre o desenlace da consulta catalana.As previsións demoscópicas que se manexan no veciño Portugal non deberían suscitar preocupación nos despachos da UE:mantense a hexemonía dos partidos tradicionais e só cabe pensar no relevo da dereita gobernante por un PS que aceitou os duros programas de intervención deseñados polo FMI,BCE e Comisión Europea.Curiosa asimetría a que se rexistra neste outono electoral entre a beira atlántica e a mediterránea.
 
Despois da contundencia exhibida polos dirixentes comunitarios en Grecia, ábrese un período decisivo para saber qué marxes de manobra existen para cambiar o actual modelo de construción europea.Estamos ante un conflito que precisa dun proceso de complicidades sociais plurinacionais.Non é posíbel acometer semellante tarefa nun único País.A experiencia de Syriza –mais alá dos erros graves que puideron cometer os seus principais responsábeis- certifica a necesidade dunha dinámica mais ampla na que se impliquen sectores relevantes dos chamados “Estados centrais” europeos.A espectacular vitoria acadada por Jeremy Corbyn nas eleccións internas do Partido Laborista británico alimenta algunha esperanza sobre ese necesario cambio nos vellos aparatos políticos existentes no espazo da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.