Rueda comprométese a "pisar o acelerador" para avanzar en políticas sociais: "Imos coidar das persoas durante toda a súa vida"

Desde este sábado, 16 de marzo, e ata o próximo 5 de abril, está aberto o prazo para solicitar algunha das 10.500 prazas públicas das máis de 30.000 (públicas, privadas e de iniciativa social) que conforman a rede de escolas infantís que existen en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/03/2024 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, comprometeuse a "pisar o acelerador" nesta lexislatura para avanzar en políticas sociais. Fíxoo nunha visita a unha escola infantil en Coristanco na que puxo en valor o investimento do Goberno galego de 60 millóns de euros durante este ano que garante, dixo, que Galicia sexa o "único lugar de toda España" onde se ofrece a gratuidade de todas as escolas infantís de cero a tres anos.

Rueda fixo fincapé no "esforzo importante" por parte da Administración durante a súa visita, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García. Neste centro lembrou que desde este sábado, 16 de marzo, e ata o próximo 5 de abril, está aberto o prazo para solicitar algunha das 10.500 prazas públicas das máis de 30.000 (públicas, privadas e de iniciativa social) que conforman a rede de escolas infantís que existen en Galicia.

NOVIDADES

"Todas serán gratuítas e sen baixar a calidade", remarcou en alusión a que, de maneira sucesiva, irase abrindo a matrícula ao resto da totalidade de prazas dispoñibles en toda a comunidade neste tramo de idade. Ademais, explicou que, como novidade, este ano daranse máis puntos no baremo a aquelas familias nas que algún, ou os dous, proxenitores traballan. Respecto diso, apuntou que esta decisión se toma porque as familias nas que traballan ambos os proxenitores teñen máis necesidades de conciliación.

Así, se neste curso cada un deles recibía 7 puntos, no próximo curso recibirán 8, co que o total pasará de 14 a 16. O resto de baremación manterase como estaba, de forma que seguirán tendo prioridade as familias numerosas, as monoparentais e as en risco de exclusión social. Ademais, defendeu a "aposta" do Goberno galego pola atención das persoas con medidas e políticas de carácter social, "desde que naces ata que tes unha idade onde necesitas unha especial protección da Administración", sinalou. Ao fío diso, sostivo que na nova lexislatura o Goberno galego vai "pisar o acelerador" en materia de políticas sociais e "aumentalo aínda máis". "Imos ser unha Administración que coida das persoas durante toda a súa vida", afirmou.

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, na visita a unha escola infantil en Coristanco
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, na visita a unha escola infantil en Coristanco | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta