Día do Pai: relixión, tradición ou estratexia de venda? Gastaremos 60 euros de media en agasallos

Celebrar o Día do Pai o 19 de marzo non é o máis habitual no mundo, de feito, só outros 11 países o fan, mentres que en 74 países celébrase no terceiro domingo do mes de xuño. En Estados Unidos a data oficial é o 19 de xuño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 19/03/2024 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Este martes, 19 de marzo, é o Día do Pai. Todos os fillos e fillas esméranse en procurar un agasallo co que agradecer ao seu pai por darlles a vida e coidalos, ou, alo menos, preparan algunha que outra comedela. Tendas e restaurantes ben o saben, así que os escaparates enchéronse estas semanas de descontos e ofertas co gallo da celebración. Con todo, son moi poucos os que saben por que se celebra o Día do Pai e por que se elixiu o 19 de marzo como data no almanaque. Dende Galicia Confidencial contámosche o que hai detrás desta tradición e curiosidades que de seguro non sabías como, por exemplo, que noutros países do mundo a festa é ben diferente. E é que aínda que todos os países teñen un Día do Pai como tal, non en todos é na mesma data nin da mesma maneira.

A lectura en familia, compartida, con contos ou libros guiados é a mellor forma de socializar aos nenos
A lectura en familia, compartida, con contos ou libros guiados é a mellor forma de socializar aos nenos | Fonte: Arquivo

En concreto, na tradición católica o Día do Pai debería ser o 16 de xuño, día de San Xosé, pai de Xesús, pero en España San Xosé é o 19 de marzo. Partindo desa base, celebrar o Día do Pai o 19 de marzo non é o normal, máis ben ao contrario, trátase dunha excepción á norma, algo que só acontece en España, en Andorra (Día del Pare), na rexión belga de Amberes, en Bolivia, en Croacia, en Honduras, en Italia (Festa del Papà, día no que na mesa non poden faltar os 'zeppole di San Giuseppe', un postre tradicional que consiste nun buñuelo recheo de frutas en almíbar e crema pasteleira), en Liechtenstein, en Marrocos (yawm al'ab), en Mozambique (Dia do Pai), en Portugal (Dia do Pai) e no canton suízo de Ticino. Pero, como surxe entón esta data?

No ano 1948, Manuela Vicente Ferrero, coñecida polo seu pseudónimo literario 'Nely', mestra na Dehesa da Vila, decidiu celebrar na súa escola unha xornada festiva para agasallar aos pais das súas alumnas. A idea xurdiu porque como xa existía o Día da Nai, había moitos pais que manifestaban que tamén eles querían aos seus fillos como facían as súas nais, e transmitíronlle a esta mestra o desexo de ter un día no que fosen eles os homenaxeados. Ela plasmou esa idea nas páxinas da revista 'El Magisterio Español', da época. Aquela primeira xornada na honra dos pais incluía misa, entrega de obsequios elaborados manualmente polas nenas e un festival infantil con poesías, bailes e teatro. As súas conviccións relixiosas levárona a pensar na idoneidade da data de San Xosé, ao que consideraba un modelo de pai e cabeza de familia cristiá, humilde e traballadora. 

A idea prosperou e a mestra difundiu a súa iniciativa ao ano seguinte a través das páxinas de 'El Correo de Zamora' e 'El Magisterio Español', publicacións para as que traballaba. E, durante unha entrevista no programa de Radio Nacional titulado 'Última hora de actualidade', explicou persoalmente aos oíntes a historia dese día. A idea de Manuela Vicente Ferrero tivo como propagandista ao entón director xerente de Galerías Preciados, José Fernández Rodríguez, quen en 1953 propagou a idea cunha campaña na prensa e na radio. Máis tarde sumouse un empresario competidor, Ramón Areces, director xerente de El Corte Inglés. E a pesares de ser un día de celebración, non é festivo en todo o país, só nas comunidades nas que se celebra San Xosé, como é o caso de Galicia, pero tamén de Madrid, Valencia, Extremadura, Murcia, Navarra e o País Vasco. 

En Rusia o Día do Pai xa pasou, pois celebrouse o 23 de febreiro, na mesma data que o Día dos Defensores da Patria, debido ao papel de moitos soldados que tamén eran pais durante a súa loita na Segunda Guerra Mundial. E hai moitos outros países nos que aínda falta para que chegue a celebración. En Corea do Sur o Día dos Pais celébrase o 8 de maio, e, de feito, nese día ríndese homenaxe tanto ao pai como á nai, unindo ambas festividades nunha soa, e agasallando aos pais cun carabel vermello, rosado ou branco. En Rumania o Ziua Tatalui ten lugar o segundo domingo de maio; en Tonga, o terceiro domingo de maio; e en Alemaña, o Día da Ascensión. De feito, en Alemaña hai dúas celebracións asociadas, o Vatertag, que é unha festa nacional celebrada o 30 de maio, e o Herrentag, unha celebración tradicional na que os homes suben por unha montaña con carros de viño, cerveza e comida rexional. En Lituania (Tevo diena) e en Suíza (agás no canton de Ticino), o primeiro domingo de xuño; en Dinamarca o 5 de xuño, que tamén é o Día da Constitución; en Austria e Bélxica (agás na rexión de Amberes), o segundo domingo de xuño; e no Salvador e en Guatemala, o 17 de xuño.

Con todo, a maioría dos países si manteñen a data orixinal segundo marca a relixión o terceiro domingo de xuño: Afganistán, Albania, Antigua y Barbuda, Argentina (agás nas provincias de Mendoza e Jujuy), Armenia, Aruba, Bahamas, Bangladesh, Barbados, Barhein, Belice, Bermudas, Brunéi, Camboia, Canadá, Qatar, Chile, China, Chipre, Colombia, Costa Rica, Cuba, Curazao, Dominica, Ecuador, Eslovaquia, Estados Unidos, Etiopía, Filipinas, Francia, Ghana, Grecia, Guaiana, Hong Kong, Hungría, India, Irlanda, Jamaica, Japón, Kenia, Kosovo, Kuwait, Laos, Macao, Madagascar, Malasia, Malta, Mauricio, México, Birmania, Namibia, Nixeria, Omán, Países Baixos, Pakistán, Panamá, Paraguai, Perú, Reino Unido, República Checa, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Singapur, Sri Lanka, Sudáfrica, Surinam, Trinidad e Tobago, Túnez, Turquía, Ucrania, Venezuela, Vietnam, Zambia e Zimbabue. De feito, nos países latinoamericanos o 19 de marzo é o Día do Home.

E é que o 19 de xuño foi a data imposta polos Estados Unidos, onde nese día Sonora Smart Dodd decidiu honrar á figura do seu pai, quen tivo que criar só aos seus seis fillos despois de que a súa muller morrera ao dar a luz ao último deles. Foi o 19 de xuño de 1910 cando se celebrou por primeira vez o Día do Pai no estado de Washington. Nun comezo Sonora quería que se celebrase o 5 de xuño, que era a data real do cumpleanos do seu pai, pero a igrexa solicitou máis tempo para poder preparar a celebración, de xeito que a celebración rematou por ter lugar o día 19. Co paso dos anos, a celebración foi gañando popularidade, ata que en 1966 o terceiro domingo de xuño foi declarado oficialmente, polo presidente Lyndon Johnson, como Día do Pai en todo o país. Seis anos máis tarde, en 1972, co presidente Nixxon, a data pasou a ser festiva. 

Tamén hai bastantes países que o celebran o 21 de xuño (o primeiro día do verán), como Exipto, Xornadia, Líbano, Palestina, Siria e Uganda. O 23 de xuño é a data escollida por Nicaragua e Polonia. O último domingo de xuño sería o Día do Pai en Haití. Na provincia arxentina de Jujuy a celebración tería lugar o 12 de xullo. O segundo domingo de xullo sería en Uruguai. O último domingo de xullo, en República Dominicana. O 8 de agosto en Taiwán. O segundo domingo de agosto en Brasil e Samoa. E o 24 de agosto na provincia arxentina de Mendoza. Pero tamén hai quen o pon despois do verán, como o primeiro domingo de setembro, que se celebra en partes de Oceanía como Australia, Fiyi, Nova Zelanda e Papúa Nueva Guinea. O segundo domingo de setembro é a quenda de Letonia. O primeiro domingo de outubro a de Luxemburgo. Outra data sinalada que se celebra nos países nórdicos é o segundo domingo de novembro: en Estonia (Isadepäev), Finlandia (Isänpäivä), Islandia, Noruega e Suecia. O 12 de novembro é o Día do Pai en Indonesia. O 5 de decembro en Tailandia, porque é o cumpleanos do Rei Bhumibol. E, finalmente, o 26 de decembro, é en Bulgaria (Den na Bashtata).

CANTO SE GASTARÁ CADA ESPAÑOL DE MEDIA EN AGASALLOS?

Segundo apunta a web española de regalos de experiencias Aladinia, cada español gastará unha media de 60 euros en regalos do Día do Pai. Case oito de cada dez mercarán un só agasallo. Ocio e experiencias orixinais serán os detalles máis regalados polos fillos. Segundo un estudo feito entre os seus usuarios, un 75 % dos españois farán este ano un agasallo ao seu pai, mentres que un 19 % fará dous e un 6 % fará ata tres ou máis. O orzamento que destinarán é de 60 euros de media, gastando así menos que na parella o Día dos Namorados (San Valentín), cando cada español gastou unha media de 105 euros.

Seis de cada dez enquisados gastarán o mesmo que o ano pasado. E, en canto á forma de mercar, entre os españois que mercan exclusivamente 'online', case cinco de cada dez (o 47 %) farano a través dos seus móbiles, 'tablets' ou ordenadores; mentres que un 15 % dos españois mercará en tendas físicas; e un 38 % optará por combinar compras 'online' e compras físicas. Polo que respecta ao tipo de agasallos, cada vez hai máis españois que deixan de lado os típicos agasallos de colonias e corbatas e se decantan por agasallar ocio e experiencias (un 52 % dos enquisados); roupa, calzado e complementos (20 %); perfumes, libros e tecnoloxía (7 %); viños e licores (4 %); e doces (3 %).

No tocante ás experiencias, tres de cada dez españois (un 32 %) pensan que seu pai merece un respiro e agasaranlle con algo relaxante (spa, masaxes ou baños), aínda que tamén unha importante porcentaxe (un 31 %), obsequiaranlles cunha boa cea, comida ou cata. Un 19 % sorprenderanlles cunha escapada, un 11 % cos voos (avioneta, globo, parapente ou paracaídas), un 4 % unha experiencia de aventura (puenting, rafting, motos de neve, cabalos ou veleiros) e un 3 % algo relacionado coa condución (dun Fórmula 1, dun coche de rally ou un deportivo tipo Ferrari ou Lamborghini).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta