Galicia e outras rexións europeas reivindican o seu papel no futuro da UE durante o Cume de Mons

Algúns dos retos a abordar foron a crise climática, o investimento comunitario e a innovación dixital.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na décima edición do Cume Europeo de Rexións e das Cidades, que se celebrou na cidade valona de Mons. Concibida para reunir aos representantes europeos electos a nivel rexional e local, trátase do maior evento organizado polo Comité Europeo das Rexións (CdR), que celebrou o seu 30º aniversario coincidindo coa reunión.

Durante este luns e martes abordáronse algúns dos retos que afrontarán as rexións e cidades europeas durante os próximos anos e a súa visión sobre o futuro de Europa.

Esta visión, tal e como explican nun comunicado, recóllese na Declaración de Mons, na que os representantes reivindicaron a necesidade de ter "un papel protagonista" de face á formulación da próxima axenda estratéxica da Unión Europea e das prioridades políticas da próxima Comisión.

A crise climática, o investimento comunitario, a innovación dixital, a gobenanza multinivel efectiva e o futuro da política de cohesión foron algúns dos retos da UE que se abordaron tanto nas sesións plenarias e mesas redondas celebradas durante o cume como na declaración.

O contido desta última baseouse no ditame sobre o futuro da política de cohesión aprobada polo CdR no seu pleno 158, documento co que se converteu no primeiro órgano europeo en fixar unha posición neste ámbito para o período a partir de 2027.

Precisamente, un dos debates que tiveron lugar foi o protagonizado pola Alianza para a Cohesión sobre o papel da unión para abordar os desafíos que afronta a UE.

Bandeira da UE fronte á sede da Comisión Europea
Bandeira da UE fronte á sede da Comisión Europea | Fonte: COMISIÓN EUROPEA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta