O PPdeG acusa o Goberno de "ecoloxismo radical" por defender a costa cunha nova lei

Alerta das "consecuencias negativas" do novo regulamento de Costas para a industria e as actividades económicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O PPdeG criticou que o novo regulamento de Costas, que tramita o Goberno central, parte dunha "perspectiva propia do ecoloxismo máis radical" e "totalmente afastada" da realidade de Galicia, á vez que alertou das "graves consecuencias" que tería a súa aplicación para a actividade social e económica da comunidade.

Así o explicaron nun comunicado e indicaron que o novo texto legal co que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez quere substituír o anterior --anulado polo Supremo-- é "aínda peor que o anterior" na medida en que "vai aínda máis aló" nas pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de "deshumanizar" a costa galega e "acabar con toda a actividade que se desenvolve nela".

"Xa sabiamos que ao Goberno de Pedro Sánchez lles molestan as empresas, as depuradoras, os cemiterios e ata os centros de saúde que se sitúan ao longo do litoral galego. Pero agora descubrimos que directamente está en contra de que haxa vida en toda a nosa costa", argumentaron os populares para abordar as "consecuencias" que implicaría a aplicación do novo regulamento.

Os populares insistiron na compatibilidade entre o desenvolvemento da actividade económica e a protección ambiental "como sempre se fixo en Galicia". Neste sentido, lamentaron que o Ministerio "equipara a situación" das praias galegas coas do Mediterráneo á hora de establecer normas de aplicación xeral. "As características de Galicia nada teñen que ver coas doutras zonas costeiras de España", subliñaron.

Hotel Abeiras, no Grove, que o TS ordena que sexa demolido por incumprir a Lei de Costas
Hotel Abeiras, no Grove, que o TS ordena que sexa demolido por incumprir a Lei de Costas | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta