Piden 21 anos de cárcere para un home por tentar matar á súa muller en Santiago

Polos delitos de tentativa de asasinato á súa parella, ameazas, violencia de xénero e lesións, ocasionadas tamén ao seu fillo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2024 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acollerá o día 4 o xuízo contra un home para o que o Ministerio Público solicita penas que suman 21 anos e seis meses de prisión polos delitos de tentativa de asasinato á súa parella, ameazas, violencia de xénero e lesións, ocasionadas tamén ao seu fillo. Fiscalía pide, ademais, que se lle aplique a agravante de parentesco.

O home, recolle o escrito de cualificación fiscal, mantivo desde o ano 2014 unha relación sentimental coa vítima, coa que tivo dous fillos e coa que se trasladou a España en xaneiro de 2022. En febreiro regresou ao seu país aínda que o día antes de facelo, no domicilio familiar situado en Santiago de Compostela, "con ánimo de atentar contra a integridade física da súa muller, propinoulle un bofetón provocando que caese ao chan", estando, ademais, os fillos, menores de idade, no domicilio.

Fiscalía sinala que, con posterioridade a esa data, "de forma constante e persistente, comunicábase telefonicamente coa vítima enviándolle mensaxes, con ánimo de atemorizala e inquietala". Ademais, "ante a idea de que refixese a súa vida" ameazouna con matala.

En abril de 2022, cando regresou a España, quedou no domicilio dun familiar pero en maio acudiu a ver aos seus fillos. O día dos feitos "con ánimo de atentar contra a súa vida, de forma sorpresiva e inesperada, pois levaba á súa filla en brazos, tras pousala no chan" dirixiuse cara á vítima, que se atopaba no baño limpando, "esgrimindo unha navalla de 24 centímetros de lonxitude e 13,5 de folla de dobre fío".

Despois, relata o fiscal, "abalanzouse" sobre a muller "cravándolla en reiteradas ocasións na zona do peito". A vítima tratou de agarrar a navalla durante uns feitos presenciados polos dous fillos menores. Nun momento dado, interveu o de seis anos que tratou de evitar que continuase a agresión e auxiliar á súa nai "póndose no medio e tratando de arrebatar a navalla ao seu pai , recibindo "cortes na man dereita por parte do seu proxenitor, á vez que gritaba 'papá por favor non mates a mamá'".

A muller, engade Fiscalía, "non tivo oportunidade de defenderse, non só polo inesperado da acometida senón por non poder saír do baño dado o reducido do espazo".

Audiencia Provincial da Coruña
Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta