Alerta laranxa por vento na costa da provincia da Coruña e amarela no resto de Galicia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou a alerta laranxa pola previsión de fortes refachos de vento na costa da provincia da Coruña, tras o aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía por un fenómeno meteorolóxico adverso que comeza na mañá deste martes.

Así, espéranse refachos máximos de 100 quilómetros por hora, con ventos de dirección sur e suroeste, que afectarán o noroeste, oeste e suroeste da Coruña. Tamén haberá fortes ventos no interior desta provincia, así como en toda a provincia de Pontevedra, na Mariña, o centro e a montaña de Lugo e a montaña de Ourense, onde se activou a alerta amarela e prevense refachos ata 90 quilómetros por hora.

Na provincia da Coruña está activada tamén a alerta laranxa por temporal costeiro, que comezou a pasada madrugada no litoral oeste e noroeste da provincia, con vento do suroeste de forza 9 e mar combinado do suroeste con ondas de ata 5 metros. O resto da costa galega, excepto a da Mariña, ten activada a alerta amarela por ventos do sur de forza 7 e ondas de ata 5 metros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do CIAE 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de protección civil ou clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembrou a importancia de seguir as medidas de prevención e precaución, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e xanelas; evitar pasar preto de edificios ruinosos ou en construción, de árbores, paneis publicitarios ou elementos susceptibles de desprazarse co vento.

Tamén se recomenda manterse apartado de peiraos, diques, rompentes e paseos marítimos, e extremar as precaucións á hora de realizar calquera actividade no mar, ademais de revisar cabos e amarres de embarcacións.

VALORES EXTREMOS

Os ventos asociados á borrasca que afecta a Galicia xa se empezaron a notar, tal e como reflicte Meteogalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, nos valores extremos publicados.

Así, na xornada deste martes rexistráronse xa refachos que alcanzaron os 119,4 quilómetros por hora en Vimianzo, e superaron os 124 quilómetros por hora na Serra do Xistral, en Muras.

Con respecto ás choivas, non se rexistraron valores importantes no que vai de martes, aínda que o luns deixou rexistros elevados en Cerdedo-Cotobade, con 29,4 litros por metros cadrado ou en Vilariño de Conso con 26,1 litros.

Fortes ventos e  ondada na Coruña.
Fortes ventos e ondada na Coruña. | Fonte: M. Dylan - Europa Press

PECHE DE PARQUES EN LUGO

A activación das alertas levou aos concellos a tomar medidas preventivas, entre eles o de Lugo, que comunicou o peche dos parques da cidade ante a situación meteorolóxica adversa e a previsión de fortes ventos.

Os operarios do departamento municipal de Transición Ecolóxica precintarán ao longo da mañá deste martes os parques Rosalía de Castro, Marcos Cela e A Milagrosa, e quedará prohibida a entrada aos recintos.

Así mesmo, o Concello lucense fixo un chamamento aos veciños para pedirlles que respecten as limitacións e eviten correr riscos innecesarios ou pór en risco a súa seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta