Dende un punto de vista ecolóxico, a verdade é que o que arde en Galicia habitualmente non son bosques, pois poucos quedan, é o que @s técnic@s denominan sub-bosque e @s demais chamamos toxos e xestas. Porén, estas especies son previas á aparición do bosque, do bosque autóctono que tras miles e miles de anos demostrou ser o mellor adapatado ao noso clima e ao noso solo. No entanto, vese que ao que non está adaptado é ao pailán da aldea –aclararei este estereótipo mais adiante- esa especie autóctona que describe un individuo con escasa formación, amante dos viños ácidos, inimigo de si mesmo, da súa cultura e da súa contorna. O resto de lumes afectan plantacións monoforestais (piñeiro e eucalipto) que destrúen a nosa biodiversidade en maior medida que o lume en si. Podedes pasear por un eucaliptal, e ver que riqueza de vida atopades, pois non hai nin insectos, nin moito menos paxaros ou animais de maior porte, agás algún porco bravo de camiño dun prado ou dun regato.
Imos tentar poñer negro sobre branco en varias cuestións que, polo que se observa, ninguén, nin polític@s, nin forzas da orde, nin xustiza é quen de ver ou non quere facelo: onde, cando, como, por qué e quen. O lume ao descuberto.
Onde: nas catro provincias, pero con especial virulencia e intensidade no sur de Ourense. Esta zona de especial abandono, empobrecida e envellecida leva a palma a respecto do número de lumes, da súa intensidade e periodicidade.
Evidentemente, hai outras zonas da nosa xeografía que o lume afecta con gran recorrencia. Sirva como exemplo a contorna do Concello de Santiago, afectada por lumes varios e diversos no primeiro verán do bipartito ao frente da Xunta e de Compostela Aberta do Concello de Santiago. Cadaquén que pense o que queira, se cadra ía calor.
Cando: practicamente en calquera época do ano, xa non é precisa a regra do triple 30: 30 dias sen chover, 30 graos de temperatura e ventos de 30km/h para que o monte arda. Infelizmente, é esta unha das zonas menos húmidas de Galicia e, por tanto, máis sinxela de queimar. Porque o monte non arde, quéimano.
Como: o como si que é algo moi curioso, dado que son provocados na súa práctica, si se chega a coñecer o seu modus operandi. Aparecen varios focos, xeralmente contra a última hora do día -para asegurarse de que ao longo de toda a noite o incendio arrase a maior cantidade de hectáreas posibles- e en zonas de difícil acceso para evitar e dificultar a súa extinción. No caso de Cualedro, descubríronse, segundo os medios de comunicación “aparellos incendiarios” que a bo seguro calquera é quen de facer na súa casa, ou non. Dende un cigarro nunha caixa de mistos a auténticas bombas incendiarias con retardo, e de grande complexidade. Este dato debería ser un indicio de entidade á hora de dar co piróman@, pero nin así. No caso do que estamos a falar, despois duns días de rigorosa investigación por parte das forzas da orde, detívose un octoxenario que podería coincidir co perfil mencionado anteriormente, un pailán da aldea. Pero, no seu favor, debemos dicir que, segundo trascendeu aos medios de información, o devandito octoxenario provocou varios lumes simultaneamente en zonas de difícil acceso, polo que, ou ben non actou so, ou ten unha preparación e unha capacidade superior a do televisivo Bear Grylls.
Por qué e quen: o por qué é a nai de todas as tertulias de café para polític@s, pero imos ser politicamente incorrectos e ímonos mollar. Na zona da que estamos a falar, o por qué ímolo ir debullando de arriba a abaixo. O monte arde por cuestións socio-económicas. Un concello como o de Cualedro -igual que moitos outros na provincia ourensá- envellecido, empobrecido e debedor da cultura do franquismo, é o caldo de cultivo propio para esta desfeita medioambiental. A foto é a seguinte:
Aldeas abandoadas, onde viven xentes maiores que non tiveron a oportunidade de adquirir unha mínima formación fóra do franquismo e da súa queima de escolas, e dunha Igrexa que relega calquera indicio de redención á outra vida avogando polo inmobilismo social.
Neste contexto, o lume vese dende dúas vertentes supostamente enriquecedoras. Por unha banda, evítase que a foresta invada os seus lugares procurando esa imaxe mental dun monte limpo. Pola outra, a recompensa a modo de axudas como zona catastrófica que reparte adecuadamente o alcalde/sa de turno entre @s garantes da súa continuidade no poder.
Fonte extra de ingresos para as persoas escollidas. Xa postos, poderían ser remunerad@s por presevar os bosques, e non por apagalos, xa que iso sempre fai que entremos nun malévolo bucle de se foi antes o ovo ou a galiña.
Parte da industria madeireira que emprega estes pailáns da aldea como parvos útiles, xera esta secuencia kafkiana: 1. Un bosque, poñamos de rebolos (quercus pirenaica), difícil de explotar comercialmente, arde. 2. A industria ponse en contacto coa Consellería correspondente, presenta un plan para valorizar o monte e evitar os incendios. 3. Recibe unha subvención se cumple cuns requisitos ad hoc. 4. Repoboa o que era un bosque autóctono con especies alóctonas a custe cero, ben, digamos que a custe cero para a industria, xa que os cartos concedidos pola Xunta saíron dos impostos que algúns pagamos. Pois, como soe dicirse, facenda somos… os pobres.
Ao igual que nunha ecuación de econometría, as variables son moitas e o resultado depende de cada unha delas.
É o momento de facer ver que é imprescindible mudar os modos de operar e, sen dúbida algunha, antes de discutir quen e por qué, deberiamos revisar se, dunha vez por todas, se vai ordenar o territorio e, o que é máis importante, se se vai facer cumprir a lei. Coido que 50MM de euros en danos non son pouca cousa. Xa non é unha cuestión de ecoloxía para os idealistas, senón de economía para os pragmáticos.
E para o ano, se non chove, máis do mesmo. Ou tal vez menos, pois as pedras non arden.