Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 10:21
O concelleiro socialista en Santiago Sindo Guinarte considerou este mércores que a proposta lanzada polo goberno de Goretti Sanmartín para reducir os grupos de turistas é "unha intención pouco traballada" e criticou que se faga pública unha cuestión aínda sen pechar para un tema "sensible".
Guinarte sinalou que "unha cousa é acordar o límite máximo dos grupos con guía turística e outra querer limitar os grupos de peregrinos que entran pola rúa de San Pedro ou Conxo", argumentando que tanto a alcaldesa como a edil Míriam Louzao "non deixan claro se o que queren limitar son os grupos con guía ou os grupos espontáneos". "Vai haber un policía seguindo a cada grupo de turistas?", preguntouse.
O concelleiro socialista lembrou que o goberno de Sánchez Bugallo xa acordou no seu momento coa xerencia da Praza de Abastos e coa Asociación de Guías Turísticos "limitar nalgúns ámbitos, na praza especificamente, o número de persoas por grupo para non interromper o funcionamento normal", algo no que, di, vai tamén a proposta de Donosti á que alude o goberno local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.