A vivenda usada sobe de prezo en Galicia entre un 2,1% e un 2,76% ata marzo

A provincia máis cara segue sendo Pontevedra segundo portais web

Por E.P. | VIGO | 03/04/2024 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O prezo da vivenda usada en venda en Galicia subiu entre un 2,1% e un 2,76% no primeiro trimestre deste ano, en comparación co mesmo período de 2023, segundo portais inmobiliarios, que apuntan a que o incremento entre decembro e marzo roldou o 0,5%.

En concreto, os datos de idealista apuntan a que o custo medio do metro cadrado na Comunidade en marzo situouse nos 1.382 euros, un 2,1% máis que hai un ano e un 0,5% máis que en decembro, pero un 22,2% menos que no máximo histórico alcanzado en Galicia, que foi en novembro de 2011.

A provincia de Pontevedra mantense como a provincia galega máis cara, con 1.618 euros o metro cadrado de media, mentres que na Coruña rolda os 1.370 euros. En Ourense, o custo está en 1.129 euros o metro e en Lugo nos 1.014 euros.

"O incremento dos prezos da vivenda en venda non é máis que o reflexo da subida no número de compravendas que xa rexistran as estatísticas do INE e de Notarios. O cambio de rumbo da política monetaria do Banco Central Europeo e a entrada no mercado dunha demanda que permanecía latente á espera de baixadas nos prezos está a provocar tensións sobre a cada vez máis reducida oferta", indicou o portavoz de idealista, Francisco Iñareta.

Pola súa banda, pisos.com tamén elaborou un informe sobre os previos de venda da vivenda, que recolle que o prezo medio en Galicia do metro cadrado ascendeu a 1.375 euros, un 2,76% máis que en marzo de 2023 e un 0,51% máis que en decembro.

Por provincias, en Pontevedra este custo é de media de 1.603 euros o metro cadrado, un 1,47% máis, mentres que na Coruña subiu un 5,71% no último ano, ata 1.458 euros. Lugo e Ourense quedan por detrás, con 922 e 901 euros de media, baixando un 0,7% e un 3,1%, respectivamente.

Un edificio de vivendas en construción
Un edificio de vivendas en construción | Fonte: Agostime - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta