Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/04/2024 | Actualizada ás 10:24
Tres das persoas investigadas no operativo policial desenvolvido esta semana e vinculado co achado de dúas planadoras varadas nas costas de Ribeira (en febreiro de 2023) foron postas en liberdade tras a súa comparecencia ante o xulgado de instrución número 5 de Vigo, mentres que a autoridade xudicial acordou a busca e captura, polo momento, doutrs tres persoas implicadas nesta investigación, segundo informaron fontes do TSXG.
No marco deste dispositivo posto en marcha pola unidade policial do GRECO Galicia e Vixilancia Aduaneira, coa coordinación do xulgado vigués, hai unha decena de persoas investigadas, e a causa séguese polos supostos delitos de tráfico de drogas e contrabando de embarcacións. A operación policial 'explotou' a principios de semana e saldouse cunha decena de persoas implicadas, entre detidos e investigados, vinculadas á aparición de dúas lanchas planadoras na costa de Ribeira, nas praias de Espiñeiredo e O Rial, en febreiro de 2023.
Na xornada do pasado martes producíronse actuacións policiais nas localidades de Noia, Vilanova de Arousa, A Estrada, Bertamiráns e un rexistro nunha propiedade de Portonovo. Ademais das persoas arrestadas e as investigadas, as forzas policiais incautáronse de varios moldes para a construción de planadoras semirríxidas (as chamadas 'narcolanchas'), así como dun camión listo para transportar as embarcacións e que estaba nunha leira privada de Vilanova de Arousa.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apuntou, a preguntas dos medios sobre a relación destas planadoras co narcosubmarino atopado na ría de Arousa hai un ano, á posibilidade de que "existan unha serie de conexións" e que as narcolanchas atopadas teñen "unha relación clara co narcotráfico".
Así mesmo, sobre unha posible relación con José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, Pedro Blanco incidiu en que a causa está "baixo segredo de sumario" e as forzas e corpos de seguridade atópanse traballando niso e "están a conseguir uns resultados óptimos". Con todo, fontes coñecedoras do caso e consultadas por Europa Press, detallaron que, polo menos, tres das persoas investigadas teñen relación con Miñanco e están procesados dentro da 'Operación Mito'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.