Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/04/2024 | Actualizada ás 13:11
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de notificar un Auto á organización ecoloxista ADEGA polo que acolle a solicitude de paralización cautelar da executividade da resolución de abril do 2023 pola que a Xunta de Galicia autorizou o parque eólico Monte da Croa, promovido por Cartelar Vimira 24, SLU (Villar Mir), nos concellos de Vimianzo e Dumbría.
No informe técnico achegado pola organización ecoloxista ADEGA xunto coa solicitude de suspensión cautelar, poñíase de relevo a minusvaloración por parte da Xunta de Galicia da afección do polígono eólico sobre os espazos naturais de Rede Natura 2000 próximos, sobre a conectividade ecolóxica das áreas protexidas e sobre as zonas de ampliación da rede propostas en 2008 e 2011. Tamén achegou proba da falta dunha adecuada avaliación do impacto eólico sobre as zonas húmidas inventariadas polo IBADER presentes na área de estudo e sobre a avifauna ameazada.
O auto xudicial tamén considerou e destacou de forma especial o potencial risco de efecto barreira que unha alta densidade de infraestruturas eólicas pode ter sobre as poboacións de aves e morcegos, recoñecido pola propia Xunta e posto de manifesto na resolución desfavorable de declaracións de impacto ambiental de diversos parques eólicos proxectados na mesma zona que o de Monte da Croa. Outro dato determinante que o TSXG tivo en conta para adoptar a citada medida cautelar foi a significativa afectación que a construción deste polígono eólico podería ter sobre un núcleo reprodutor estable de lobo ibérico, segundo os datos achegados por ADEGA.
Coa paralización cautelar do proxecto, o TSXG pretende evitar que se exerzan danos irreparábeis sobre o medio ambiente, cuxa preservación considera que debe prevalecer “fronte os intereses públicos na utilización das enerxías renovables e económicos da promotora”, ao atopar suficientes indicios que dan conta de que o acto administrativo impugnado -a autorización do parque eólico Monte da Croa- podería causar “prexuízos de difícil reparación ao medio ambiente como ben xurídico constitucionalmente protexido”.
O proxecto eólico Monte da Croa, agora suspendido cautelarmente, consta de 7 aeroxeradores que suman unha potencia de 27,90 MW, e que afectan a unha superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias ameazadas que visitan as lagoas de Castrelo. Nesta zona, desde hai máis dun lustro, tamén está confirmada a presenza dunha manda estable de lobos, cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores.
UN TOTAL DE 27 PARALIZACIÓNS
Nos últimos días, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu sete parques eólicos máis, de forma que o total de paralizacións alcanza as 27.
En concreto, os sete novos parques eólicos paralizados son: Rodicio II --entre os concellos de Maceda e Montederramo (Ourense)--, Alto de Montouto --entre A Cañiza e de Covelo (Pontevedra)--, Meirama --Carral, Cerceda e Ordes (A Coruña)--, o citado anteriormente de Monte da Croa --Dumbría e Vimianzo (A Coruña)--, Gato --Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña)--, Cunca --en Vila de Cruces (Pontevedra)-- e Serra do Farelo --entre Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo)--.
Ademais dos sete mencionados, o TSXG adoptou as medidas cautelares de suspensión solicitadas respecto dos seguintes parques eólicos: Monte Neme (municipios de Carballo e Malpica de Bergantiños); Zamorra (Agolada); Touriñan III-2 (A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro); Pico Seco (Lalín e O Irixo); Figueiras (Mondoñedo, Alfoz e Valadouro); Reboiro (Baralla, Castroverde e O Corgo); Rodeira (Vila de Cruces e Lalín); O Cerqueiral (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba); Chao do Marco (Becerreá); Felga (Aranga, Coirós e Oza-Cesuras); Monte Peón (A Lama); As Encrobas (Cerceda, Carral e Ordes); Serra do Faro Ampliación II (entre os municipios de Piñor, Cea, Dozón e Rodeiro), As Penizas (Forcarei e Cercedo-Cotobade); Troitomil (A Baña e Negreira); Ventumelo (A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Ribas de Sil); Porto Vidros (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); Banzas (Outes, Mazaricos e Negreira); Alto da Telleira (Covelo e A Cañiza) e Outeiro Grande (A Estrada e Forcarei). Os dous desestimatorios foron nos chamados Vilartoxo e Neboada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.