Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2024 | Actualizada ás 17:53
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, presentou estes días en Bruxelas os avances da lei galega de Intelixencia Artificial (IA) e recibiu o ofrecemento da UE para que Galicia forme parte dunha rede europea de rexións referentes na implantación temperá desta tecnoloxía.
Cerviño presentou na capital comunitaria os avances na normativa galega sobre IA, unha lei que será presentada para a súa aprobación antes do verán, e deu a coñecer tamén as principais actuacións do goberno autonómico para promocionar esta tecnoloxía. Así, o director de Amtega mantivo reunións con representantes do Parlamento, do Comité das Rexións, da Comisión e da Representación Permanente de España ante a UE, acompañado pola directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa.
A delegación galega trasladou aos representantes europeos a vocación de Galicia de consolidarse como unha rexión referente en IA, no marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030. Respecto diso, informou sobre actuacións como a preparación da primeira lei rexional sobre IA, a atracción a Galicia da Axencia Estatal de Supervisión de IA, a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artifical ou a creación dunha comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético desta tecnoloxía.
Tras un encontro co conselleiro de Axenda Dixital da Representación Permanente de España na UE, Miguel Vale, a representación galega reuniuse co director de Desenvolvemento Lexislativo do Comité das Rexións, Thomas Wobben.
Nesa reunión, Galicia recibiu a proposta de ser parte dunha rede pioneira de rexións europeas que apostan pola especialización en IA, e que participan en accións para compartir casos de éxito e para presentar relatorios sobre esta materia. Ademais, Julián Cerviño reuniuse co eurodeputado Axel Voss, responsable do informe da comisión especial sobre IA no europarlamento, que informou á delegación galega sobre as implicacións rexionais e o alcance da IA Act, recentemente aprobada.
As sesións de traballo en Bruxelas finalizaron na tarde deste mércores, cunha reunión co responsable de políticas de desenvolvemento da IA e Coordinación da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Medios de Comunicación da Comisión Europea, Martin Ulbrich.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.