O goberno de Narón aproba en solitario o orzamento deste ano 2024, que ascende a 37,6 millóns

Contou cos votos a favor de Terra Galega, a abstención do BNG e en contra do PP e PSOE.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2024 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Narón aprobou inicialmente o orzamento municipal deste ano 2024, que ascende a 37,6 millóns de euros, cos votos a favor dos dez edís de Terra Galega, que goberna en minoría, e grazas á abstención dos tres concelleiros do BNG, mentres que PP, con seis representantes, e PSOE, con dous, votaron en contra.

A alcaldesa, Marián Ferreiro (TEGA), agradeceu a postura do BNG "por facer unha oposición construtiva, que permite chegar a acordos beneficiosos para os veciños de Narón" e lamentou a postura do PP e PSOE, ao asegurar que "a diferenza está en que nós gobernamos e priorizamos, e a vostedes como están na oposición todo lles vale".

O edil de Facenda, Román Romero, detallou que o documento orzamentario está "desamparado por outras administracións" ao facer ao consistorio "atender competencias que non son propias do Concello", aludindo tamén ao incremento de custos dos contratos, dos servizos prestados ou a actualización de salarios marcada por lei.

No capítulo de investimentos, destacou que está previsto acometer "a reposición de pavimento en camiños da zona rural, a mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública" nalgúns viarios e tamén a mellora de "centros cívicos sociais", así como a mellora de instalacións deportivas.

Romero destacou que hai "sete millóns de euros en investimentos executados no ano 2023, coas facturas pagas", e acusou ao PP e ao PSOE de "defender unha postura ou outra en función de que gobernen ou estean na oposición" no Goberno central e da Xunta, dos que dixo que "teñen nulo compromiso desde Santiago nestes orzamentos cos veciños desta cidade".

OPOSICIÓN

Desde o grupo municipal do Partido Popular, o seu portavoz, Germán Castrillón, argumentou o seu voto en contra, ao estimar que desde Terra Galega tiñan a "absoluta intención de consenso" cos outros grupos políticos, pero non con eles. Ademais, reiteraron a súa intención de rexeitar as contas da empresa mixta de augas, Cosma, ademais de estimar que "os investimentos son escasos e que dependen en gran parte de subvencións doutras administracións" e que ademais "se vai a aumentar a débeda do Concello". 

Casa do Concello de Narón
Casa do Concello de Narón | Fonte: Wikipedia

Finalmente, criticaron que neste documento "non se incluíu ningunha" das propostas do PP "para mellorar servizos", detallou Castrillón.

En canto ao BNG, a formación xustificou a súa abstención en que coa súa postura o goberno logrou ter orzamentos, e que agora, dixo, fiscalizarán "cada euro para que sexa en beneficio de todo os veciños". Unha das súas primeiras medidas será "esixir un modificado de crédito para o servizo de almorzos a través dunha moción rexistrada para o mes de abril" e traballar para que "Narón sexa a cidade onde todos queiramos vivir". "Nunca bloquearemos o Concello ou faremos brinde ao sol para que a Narón lle vaia peor", dixeron, se non que "a cada problema" tratarán de porlle "unha solución encima da mesa".

Por último, desde o PSOE, xustificaron o seu voto en contra destas contas tras "non atenderse" as súas demandas, como o asumir o servizo de almorzos escolares e non aprobar unha auditoria á xestión da empresa mixta de auga Cosma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta