Rueda & Feijóo, cando a "potestas" imponse a "autorictas"

Alfonso Rueda remata coa época Feijóo e deseña un goberno a súa medida na que priman máis os lazos de fidelidade e amistade que os de autoridade. Aposta por cargos políticos máis que por tecnócratas e fulmina o modelo de sucesión instaurado polo seu antecesor.

Por Xurxo Salgado | VIGO | 15/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Rueda quere amigos, Feijóo prefire subditos". Esta frase dun destacado dirixente popular describe perfectamente os modelos do actual e o ex presidente da Xunta á hora de gobernar. Os dous beberon da mesma corrente política, pero teñen un xeito moi diferente de organizar a "res pública". 

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Como na antiga Roma, onde a autoridade era moi complexa e estaba chea de tradicións, mitos e conciencia da súa propia historia, no PP tamén hai quen aposta pola "potestas" ou pola "autorictas".  A "potestas" era o poder legal que correspondía ás distintas funcións dos cargos políticos, mentes que a "autorictas" era unha especie de autoridade social intanxible ligada á reputación e o status. Con todo, no fogar romano cotián, a autoridade absoluta era o pai, o "paterfamilias". E é que no "imperium" que cimentou o "paterfamilias" Fraga dentro do Partido Popular, Rueda é máis de "potestas" e Feijóo de "autorictas".

E neste marco de concepción do poder é como se entenden os cambios, fondos, no Executivo galego, que é o goberno de Rueda e xa non o de Feijóo. Por iso, foron eliminadas as vicepresidencias e comezan a ter máis peso político todos os homes, e tamén as mulleres, do actual presidente, non as do anterior. Eses perfiles que prefire Rueda son os de cargos políticos, pero sobre todo, "amigos", nos que se poida confiar ata o final a diferencia dos perfiles máis técnicos e nada políticos de Feijóo.

O novo presidente galego tenta xustificar esas mudanzas no seu goberno apelando á "horizontalidade". Unha palabra que repetiu ata en catro ocasións este luns durante a rolda de prensa posterior ao primeiro consello da Xunta deste goberno. "Horizontalidade" e, como tamén dixo, "porque hai un momento para entrar e outro para saír" ou un para ser vicepresidente e outro non.  E, máis claro, sobre o seu organigrama, non pode ser.

"Eu tamén pasei por varias etapas no goberno e sempre souben o que se agardaba de min e a posicións que había que adoptar en cada momento". Unha mensaxe tamén moi clara para os conselleiros e conselleiras que perderon peso neste gabinete, especialmente, os vicepresidentes que non eran os seus, senón os de Feijóo.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, intervén durante o acto da súa toma de posesión
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, intervén durante o acto da súa toma de posesión | Fonte: Álvaro Ballesteros

CARGOS POLÍTICOS

Rueda aposta por unha forma de "potestas" para conformar un goberno con distintas funcións dos cargos políticos do seu partido, onde a política, o PP, sexa máis importante que as persoas. Por iso aposta por xente "súa", xente do partido, para continuar o seu modelo, non o de Feijóo. E nesta filosofía cobra importancia nomeamentos como os de José López Campos, como Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; María Martínez Allegue, como conselleira de Infraestruturas e Vivenda ou o de María José Gómez, para Medio Rural.

López Campos e Martínez Allegue son vellos coñecidos de Rueda. Os dous son de Pontevedra, a provincia que tanto controla o presidente e da que foi secretario provincial durante a época de Feijóo. O primeiro ven para ocupar unha consellería con proxección política e con pouca carga crítica. A segunda para articular un departamento difícil no que ata agora había unha conselleira que non tiña "feelling" con Rueda.

Por outra banda, o nomeamento de María Jóse Gómez tamén é político e directamente negociado coa secretaria provincial do PP en Lugo, Elena Candia. A alcaldesa de Guntín entra en substitución de José González, un home de Rueda, pero con escasa interlocución co mundo rural e, especialmente, cos alcaldes do Partido Popular que pedían outro perfil con máis coñecemento desta consellería.

A elección de Antonio Gómez Caamaño como novo conselleiro de Sanidade é diferente e responde máis a criterios técnicos que políticos. A súa designación pretende poñer orde nun departamento difícil, quizais o máis complicado da actual Xunta, xunto con Educación, e do que sae un Julio García Comesaña moi cuestionado polo sector. 

AS DIFERENCIAS

Ademais de Comesaña, deixan a Xunta Ethel Vázquez e Elena Rivo. Os tres de forma forzada e, en parte, pola falta de sintonía co presidente. Chama a atención a saída da ata agora conselleira de Emprego, que foi designada polo propio Rueda e só durou pouco máis dun ano no cargo. Fontes consultadas suliñan a súa "nulidade" para levar este departamento, así como o seu escaso peso político. Foi a única que, ademais, deixou entrever o seu malestar ao non asistir ao acto de toma de posesión dos novos conselleiros ademais de anunciar, ademais, que deixará a súa acta de deputada para volver á Universidade de Vigo onde exerce como profesora de Organización de Empresas e Marketing. Unha forma de darlle plantón ao seu anterior xefe.

Pero ademais da saída destes conselleiros tamén perden influencia no Goberno de Rueda pesos pesados como Diego Calvo e Ángeles Vázquez. Os dous, aínda que manteñen todas ou parte das súas competencias, perden as súas vicepresidencias. Unha decisión que se enmarca no novo deseño da Xunta que quere Rueda na que non hai sitio, polo menos, en postos de confianza para o conselleiro da Presidencia, co que mantén un relación cordial pero fría. E nese deseño sen sucesores sae tamén tocada a conselleira de Medio Ambiente, a pesar de ser máis afín a Rueda. 

FIDELIDADE

Se Feijóo era de autoridade, Rueda é de fidelidade. Fieles son María Martínez Allegue, José López Campos ou Alfonso Villares. Son nomeamentos directos del nos que ademais dunha traxectoria política conxunta hai unha amistade, como amistade hai con outras designacións súas; as dos presidentes da Deputación de Ourense, Luis Menor, ou de Pontevedra, Luis López.  O propio Rueda insistía nesta idea ao suliñar que  "unha das razóns" que sustentan os sucesivos éxitos electorais do seu partido reside en que os gobernos da Xunta foron "un grupo de compañeiros" e "en moitísimos casos, un grupo de amigos" que non pelexan entre eles, senón todos xuntos polo "obxectivo común" de Galicia.

Rueda busca cargos políticos, pero tamén fieis amigos nos que confiar para organizar o PPdeG que quere construír. Un PP que, a diferencia do de Feijóo, se basea máis na confianza que na autoridade. E, neste sentido, cobra importancia tamén, a decisión de que conselleiros manterán ou non a súa acta no Parlamento. O presidente insinuou que quedarán con ela aqueles con máis responsabilidade política. Quizais neste xesto tamén se cimente tamén ese goberno que busca máis de "potestas" que de "autorictas", máis fidelidade que autoridade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á súa chegada ao pleno de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á súa chegada ao pleno de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

(Auctoritas, non *autorictas)

1 Gamela

Non entendo ben o teu concepto de potestas (cando fala dun Goberno de Amiguetes) ? Lamentablemente os perfís dos novos Conselleiros (agás o de Sanidade) non parecen saber de nada e parecen server para todo... Así é a mellor maneira de ir metendo a pata día sí e día tamén... (e como son amigos do Presidente non pasará nada?) Penso que perdeu unha oportunidade de ouro de quitarse do medio á Angeles Vázquez (prevaricadora e moi pouco de fiar) Veremos...