Normalización Lingüística da Deputación pide a Ferrol que non exclúa ao galego das licitacións

Sol Agra asegura que están "realmente preocupados" pola instrución dada aos funcionarios.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 16/04/2024 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Sol Agra, pide ao goberno de Ferrol que non se exclúa ao galego dos pregos de contratación que se elaboran desde esta administración, e asegurou que están "realmente preocupados" pola instrución dada aos funcionarios para que se publicasen todos os documentos de concurso en só un idioma, o castelán.

Detallan ademais que fronte a esta orde "hai unha lexislación autonómica e tamén a nivel da Deputación, que esixe que as relacións entre organismos, entre institucións, se fagan en galego", e por iso pediu unha rectificación.

Nunha rolda de prensa ofrecida ao mediodía deste martes ante a entrada principal ao Concello de Ferrol, onde estivo acompañada do portavoz do BNG nesta cidade, Iván Rivas, a tamén deputada provincial incidiu en que entenden "que todas as persoas que traballan como funcionarios nas administracións públicas teñen coñecementos suficientes da lingua galega" para que o idioma "non supoña un atraso no seu traballo".

"En todo caso, as licitacións de contratos con empresas de fóra, habería que esixirlles que existisen tamén en galego. Non cremos que sexa escusa o tema da carga de traballo para dar un retroceso, e que sexa un uso deficiente da lingua galega a nivel xeral", apuntou.

O GALEGO, EN PERIGO

Agra detallou que o que queren é "promocionar, que en todos os conceptos se respecte, se fomente e se promocione o uso da lingua galega, que está en serio perigo", e que por iso, decisións como as do goberno popular de Ferrol, son "moi graves". É por iso que pediu que "desde o Concello de Ferrol se emita unha contraorden para que isto non se faga efectivo". "Esa é a nosa preocupación e por iso estamos aquí", insistiu.

Pola súa banda, Iván Rivas, detallou que a instrución dada polo alcalde que excluía o uso da lingua galega "todo segue igual e non se produciu esa rectificación". "Estamos a martes e esa instrución entrou en vigor desde o momento en que se asinou", o que lle valeu "para insistir, unha vez máis, en reclamarlle ao alcalde desta cidade que rectifique a instrución que vén de publicar a semana pasada, que obriga aos funcionarios deste Concello a tramitar exclusivamente só en castelán".

"Cando os expedientes de contratación en español o que fan é incumprir a lexislación, tanto de carácter municipal, como de ámbito galego e que atenta ante os dereitos básicos que temos os galego falantes, non só neste Consistorio, senón que tamén no conxunto do país", apuntou.

Arquivo - Fachada principal do Concello de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Fachada principal do Concello de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta