Continúa o modelo Rueda: politizar e rexuvenecer a Xunta e acabar coas sombras de Feijóo

Realiza unha renovación importante dos cadros intermedios da Xunta e asume o control persoal dos delegados territorias e outros departamentos importantes. Aposta por cargos políticos e amigos en postos chave. Tras os cambios tamén haberá modificacións importantes no Grupo Popular da Cámara galega.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

Rueda segue aplicando o seu xeito de goberno, o "modelo Rueda" que o levou a colleitar unha sólida maioría absoluta. Un estilo que pretende rematar coas sombras de Feijóo no Goberno galego, comezando, sobre todo, polo modelo organizativo e determinados cargos públicos nomeados durante a etapa do anterior presidente.

O equipo de Goberno de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia durante o primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 15 de abril de 2024, en Santiago de Compostela
O equipo de Goberno de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia durante o primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, a 15 de abril de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros

Ese "modelo Rueda" apoiase, principalmente, en cargos orgánicos do PPdeG. Xo fixo no nomeamento de presidentes provinciais; Luis López en Pontevedra e Luis Menor en OUrense;  conselleiros, como o de Cultura, José López Campos, e a de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e agora faino cos cargos intermedios do seu Executivo. Pero non só iso, o presidente galego tamén quere rodearsde de xente máis nova. Unha estratexia que lle funcionou ao BNG e que agora tamén quere implantar Rueda na Xunta co obxectivo de crear cadros novos e con futuro político. Bo exemplo disto é a elección do novo secretario xeral de Medios, Pedro Rojo ou a do conselleiro de Cultura, José López. 

Unha bo mostra dese estilo Rueda viuse na última semana logo de borrar as vicepresidencias creadas durante a época Feijóo e, polo tanto, certas "sombras" que podía ter durante o seu goberno, nomeadamente, a do xa ex vicepresidente primeiro, Diego Calvo. Precisamente, ao agora conselleiro de Presidencia tamén lle quita o control dos delegados territoriais da Xunta. Un movemento que non é menor xa que moitos deles acaban sendo os candidatos populares ás grandes cidades galegas. 

CONTROL DOS FUTUROS CANDIDATOS POPULARES NAS CIDADES

A vindeira semana seguirá nomeando cargos, pero na comparecencia ante os medios posterior á reunión do seu Executivo deste luns, ratificou que os seis delegados territoriais, cargos que representan á Xunta en distintas áreas de Galicia, pasarán a estar baixo o seu mando. Así, Rueda decidiu facer dous cambios en relación ao pasado mandato: Belén do Campo (que cesa como directora xeral de Patrimonio Natural) volve como titular da delegación da Coruña, polo que Gonzalo Trenor seguirá, en principio, de deputado no Hórreo; e en Ourense asume o cargo Manuel Pardo, mentres que Gabriel Alén asumirá a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Seguirán os delegados territoriais de Pontevedra, Agustín Reguera, e Vigo, Ana Ortiz, que non cesaran para ir nas listas do PPdeG ás eleccións do 18F; e reincorporaranse Martina Aneiros en Ferrol e Javier Arias en Lugo (terán que deixar a súa acta na Cámara galega).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (d), durante o pleno de investidura, no Parlamento galego, a 11 de abril de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Rueda foi investido presidente da Xunta por segunda no Parlame. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (d), durante o pleno de investidura, no Parlamento galego, a 11 de abril de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Rueda foi investido presidente da Xunta por segunda no Parlame. Álvaro Ballesteros - Europa Press

NOVOS ÓRGANOS POLÍTICOS E ECONÓMICOS 

Outra das novidades na área de Presidencia é que as xefaturas territoriais pasarán a denominarse direccións territoriais. O seu titular será designado libremente polos titulares de cada consellería entre funcionarios dos grupos A1 e A2 ou persoas con acreditada competencia e experiencia profesional no eido no que desempeñarás as súas funcións. Isto implica que tamén podan ser desigandos cargos máis políticos que funcionariais. Ademais, o organismo Galicia Calidade pasará a depender da Axencia Turismo de Galicia, que a súa vez está vinculada á Presidencia de Rueda.

Rueda tamén asume máis poder nesta Xunta. Na nova estrutura orgánica da Presidencia inclúe, como xa anunciara, a creación da Oficina de Coordinación Económica con rango de secretaría xeral e a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, dependente da Asesoría Xurídica Xeral e dirixido pola letrada Isabel Concheiro. Dous importantes departamentos que levarán a relación política da Xunta co Goberno de Madrid e o control económico de todos os departamentos do Executivo galego. 

A RELACIÓN COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Os novos cambios e a "politización" da Xunta de Rueda tamén chegan ata a Secretaría Xeral de Medios, un órgano fundamental no organigrama do presidente para controlar a relación do seu goberno cos medios de comunicación e, sobre todo, o reparto que se fai da publicidade institucional. E para esta secretaría o elixido é un poítico da nova fornada popular, Pedro Rojo.

Rojo traballou como xefe de gabinete do Grupo Parlamentario Popular de Galicia e desde 2016 era o director de gabinete da Presidencia do Parlamento de Galicia. Un cargo que compaxinaba con ser vicesecretario de Organización do PPdeG. De feito, Pedro Rojo tivo moito que ver na estratexia política e de comunicación durante a pasada campaña electoral de Rueda.

DIEGO CALVO E ÁNGELES VÁZQUEZ

Tras privar a Diego Calvo da vicepresidencia e das delegacións territoriais, Rueda decidiu darlle un novo departamento, a Dirección Xeral de Mobilidade, na que quere aglutinar unha serie de competencias que ata agora estaban dispersas en varios departamentos autonómicos --todo o transporte, incluído o escolar, e outros servizos como o teléfono 065--.

Pola súa banda, na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Ángeles Vázquez, créase a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que se vai encargar de toda a tramitación administrativa dos proxectos de enerxías verdes. No caso da Consellería de Política Social e Igualdade, a antiga Secretaría Xeral de Igualdade vaise dividir en dous departamentos: a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

OUTROS CAMBIOS

Os decretos aprobados hoxe tamén inclúen a creación da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, dependente da Consellería de Economía e Industria, e que

será a encargada de atender as necesidades de solo empresarial para o desenvolvemento económico da comunidade.

Na Consellería de Facenda e Administración Pública desaparece a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro porque as súas competencias pasan a depender da Secretaría Xeral do Tesouro. Ademais, a xestión do Patrimonio da Comunidade Autónoma pasa a integrarse na Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e as competencias de xogo pasarán a depender tamén desta Consellería.

Outra das novidades no Goberno autonómico é a creación dunha secretaría xeral de Vivenda e Urbanismo, dentro da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, da que dependerá a Dirección Xeral de Urbanismo -e dentro dela a Axencia de protección de legalidade urbanística- e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Nesta nova etapa, o Servizo Galego de Saúde pasa a integrarse por completo no organigrama a Consellería de Sanidade e, no caso da Consellería do Medio Rural, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sepárase a nova Dirección Xeral da PAC e do Control da cadea alimentaria. 

CAMBIOS POLÍTICOS

Por outra banda, a designación de novos cargos do segundo nivel da Xunta forzará novos cambios no Grupo Parlamentario Popular no Pazo do Hórreo tras renunciar á súa acta a exconselleira de Emprego Elena Rivo. De feito, a circunscrición máis afectada será a de Ourense.

Así, ademais de Rivo, outros catro ds oito deputados elixidos polo PP de Ourense o pasado 18 de febreiro deixarán a súa acta para integrarse no segundo escalafón do Executivo autonómico. Quen abandonarán O Hórreo son Gabriel Alén, antes delegado territorial da Xunta na súa provincia e novo director xeral de Comercio; Vitoria Núñez, presidenta da xestora do PP local de Ourense, responsable da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística; Marisol Díaz Mouteira, directora xeral de Patrimonio Natural; e Antonio Rodríguez Miranda, que seguirá á fronte de Emigración.

Os seguintes na lista son Argimiro Marnotes, José Luís Ferro, Xosé Manuel Merelles, Víctor Manuel Baladrón e Cristina Campero, pero Merelles non chegará a entrar na Cámara autonómica porque volverá a Turismo, de maneira que lle tocaría coller acta a Ana Méndez, quen ocupou o posto 14 da candidatura, xusto antes dos suplentes.

Así mesmo, haberá axustes nos grupos de Lugo e Pontevedra. En Lugo, Javier Arias deixará o escano e José Manuel Balseiro é o suplente no Senado da agora conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Mínimo a saída de Arias moverá a lista e, de materializarse o outro recambio natural, entrarían Encarna Amigo e Nicole Grueira (postos 9 e 10 da candidatura do PP de Lugo o 18F).

Á súa vez, por Pontevedra deixará o Parlamento Silvestre José Balseiros para volver á Dirección Xeral de Gandaría. Se non hai alteracións na lista, conseguiría asento no hemiciclo galego José Luís Novo Teijeiro, quen ocupou o posto número 11 por esta circunscrición.

O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante un mitin de campaña, no Hotel Monumento de San Francisco, a 10 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Juanma. Agostime - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante un mitin de campaña, no Hotel Monumento de San Francisco, a 10 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Juanma. Agostime - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta