Reboredo asume a Oficina Económica cunha petición de Rueda aos directivos: "Traballar ben e deixarse coordinar"

Partidario de "priorizar" proxectos, o novo alto cargo asume o reto de desenvolver estudos que avalen a toma de decisións políticas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/04/2024 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

O economista Juan Carlos Reboredo Nogueira xurou este martes o seu cargo como responsable da Oficina de Coordinación Económica en presenza do presidente galego, Alfonso Rueda, quen lle deu a benvida ao posto, á vez que fixo unha petición aos altos cargos da Xunta: "Creo que acertamos coa persoa, agora toca traballar ben e deixarse coordinar por quen sabe o que está a facer".

Rueda destacou que a creación desta Oficina é un reto "para todos", para Reboredo, a Administración galega e tamén para el mesmo como presidente. Neste punto, puxo en valor a experiencia no ámbito económico de Reboredo para "porse á fronte dun organismo que avaliará iniciativas industriais", pero que tamén fará"propostas para orientar accións de Goberno".

"Creo que estamos maduros para crear este novo órgano porque isto significa que temos proxectos importantes encima da mesa que necesitan ser coordinados", dixo.

"GRAN RETO"

Pola súa banda, o novo responsable da Oficina Económica, licenciado en Economía e catedrático de Análise Económica, afirmou que afronta o reto "con moita ilusión", á vez que comprometeu "esforzo, traballo e honestidade". Ao tempo, destacou que a economía e a sociedade afrontan retos como a transición ecolóxica, a adaptación ao uso e desenvolvemento de novas tecnoloxías ou "consolidar o benestar de todos os galegos", nos que apostou por traballar co enfoque de "priorizar" proxectos con visión estratéxica.

Neste punto, afirmou que o seu "gran reto" será desenvolver estudos económicos "rigorosos e solventes" que permitan "achegar información útil e fiable" á Presidencia para "a toma de decisións políticas e de xestión" no ámbito estratéxico. Para el, insistiu, dada a súa formación e traxectoria, non hai meta "máis desafiante" e "ilusionante".

"Responderei con gratitude, traballo e esforzo. É unha lección moi ben aprendida dos meus pais: do traballo sae todo", resolveu.

Toma de posesión do responsable da Oficina de Coordinación Económica da Xunta. Xunta de Galicia
Toma de posesión do responsable da Oficina de Coordinación Económica da Xunta. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta